Crónica | Viaxe literaria a Lóuzara Case sesenta persoas relacionadas co mundo da literatura viaxaron a Lóuzara para tributar a homenaxe anual póstuma ao poeta Fiz Vergara e a súa familia
28 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.? pasado sábado, Fiz descansaba no cemiterio de Lóuzara, coma cada verán, á sombra dos amieiros. E achegáronse por alí Marica Campo, Xesús Pereiras, Miguel Mato, Isidro Novo, Lois Diéguez, Álvarez Caccamo, Marga do Val, e outros moitos escritores e poetas encabezados por María Casar e os amigos da asociación Ergueitos. E paseniñamente, con agarimo, e sen berrar moito para non molestalo, comenzáronlle a recitar varias pezas literarias a Fiz. Para lembrarlle que non o esquecen, e que cada ano se escriben moitos poemas na súa memoria. Tamén lle deixaron un ramo de flores na súa tumba e marcharon outra vez caladiñamente deixando ao Fiz disfrutar da paz do Val de Lóuzara á sombra dos amieiros. E antes de ir ó cemiteiro e de facer o recital na súa honra, os membros da asociación Ergueitos e todos os convidados ó acto, tamén visitaron á familia de Fiz na súa casa. Algúns incluso poideron calmar a súa curiosidade entrando no Muiño Toleirón do que tanto escribiu Fiz. Os actos de honra organizados pola asociación Ergueitos comezaron na Casa da Cultura de Sarria, onde se reuniron as preto de sesenta persoas que asistiron. Dende alí foron á Parrillada Paredes para celebralo xantar. E despois, arredor das seis da tarde, chegaron á casa de Fiz en Lóuzara. Agasallaron á familia cun ramo de flores, que lles correspondeu ensinándolles o muiño e ata a habitación especialmente luminosa da casa onde case sempre escribía Fiz. Despois de ir ao cemiterio celebraron o recital poético, ao pé da Fonte da Cova, onde rematou o acto. A presidenta da asociación Ergueitos, María Casar, declarou onte estar moi satisfeita de como transcorreu a xornada e de que o bo tempo axudase para que un acto literario se convertese ademais nunha visita paisaxística de gran beleza. Por outra parte, María Casar explicou onte que a asociación Ergueitos xa iniciou os preparativos para a quinta edición do certame de poesía Fiz Vergara Vilariño. Adiantou que tamén chegaron a un acordo coa asociación cultural que organiza cada ano o Festival de Poesía do Condado, en Salvaterra do Miño. O gañador do certame Fiz Vergara de cada ano escribirá un poema que será publicado no libro do festival do Condado. Este ano, por tanto, xa será Miguel Anxo Mato Fondo o encargado de enviar un poema inédito para este certame pontevedrés, que se celebrará o tres e o catro de setembro. Varios membros da asociación cultural que organiza o certame do Condado tamén estiveron en Lóuzara esta fin de semana participando nos actos conmemorativos. Algúns dos compoñentes deste grupo foron os gaiteiros que amenizaron a xornada do sábado.