Crónica histórica | Boicot dos edís ao alcalde de Sarria en 1945 O rexedor sarriao Antonio Peña Villamarín tivo que denunciar ante o Gobernador Civil os desplantes de membros do Concello que non asistían ás sesións municipais
13 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O alcalde de Sarria no ano 1945 (don Antonio Peña Villamarín 1945/1949) vía sistematicamente boicoteadas por algúns xestores as sesións que se celebraban os días 15 e 30 de cada mes, e por esa razón foran multados, algún ata por segunda vez, e como pola pouca monta das multas seguían a se producir ausencias, o 2 de agosto o alcalde dirixiu un oficio ao Gobernador Civil, xa que «considero esta falta de colaboración un desprezo aos intereses do municipio, atendendo, sen dúbida algunha, a suxerencia de certos elementos caciquís e, amais, unha rebeldía á propia autoridade que os nomeou». O concelleiro da Fonsagrada e procurador en cortes don Benjamín Álvarez Fernández, encargado polo alcalde de Madrid, xestionou entre os concellos da provincia de Lugo o rendemento dunha homenaxe de «reconocimiento y adhesión a nuestro glorioso caudillo y jefe del estado» con motivo da promulgación da Lei de Réxime Local. O alcalde sarriao convocou para as 11 horas do día 12 de agosto a corporación municipal para tomaren o acordo correspondente, mais lonxe de amosar tal adhesión co entusiasmo fervente debido ao salvador de España, deixaron de concorrer á expresada sesión, sen xustificación nin causa, os xestores don Antonio Saavedra Sánchez, don Antonio Carrozas Varela, don Manuel Rodríguez Limeres, don Julio González García e don Antonio Toirán González e non habendo número suficiente para celebrar a reunión fíxose segunda convocatoria para o día 13 de agosto ás 12 horas, deixando de concorrer Saavedra Sánchez, Carrozas Varela, Rodríguez Limeres e Goyanes Castro. Unha situación coma esta, impensable en quen ostentaban a representación municipal orgánica a dedo, rozaba a desafección e o desacato, e por iso o alcalde, logo de ver aprobada a proposta, co voto unánime dos presentes, dirixiuxe ao Gobernador Civil, a fin de que teña coñecemento do proceder dos citados xestores, co que amosan grande falta de entusiasmo patriótico e de adhesión ao Réxime, así como aos efectos que estime procedentes. O 23 de agosto xa estaban feitas as notificacións das multas e o día 24 o xestor Saavedra Sánchez presenta descargo facendo constar estar mal de saúde «debido a unha grave doenza quizá contraída en servizo da causa». E desa mesma data é a constancia de que en papel de pagos do estado Antonio Saavedra pagou a multa. Deixación de funcións Nun tempo de xerarquías e imposicións vese como estaba presente a tradicional deixación de funcións ¿non lles soa iso dos concelleiros, de todas as épocas e case que unha vez elixidos entran en ralentí e hibernación? Non era doado combatela, nin sequera no duro tempo da posguerra, cando todos e cada un dos xestores pertencían, cando menos formalmente, á FET y de las JONS (partido único), facendo o seu labor «por Dios, España y su revolución Nacional-Sindicalista» que iso das adicacións parciais ou plenas aínda non agromara. O que causa máis perplexidade é a alusión do alcalde ás suxerencias de certos elementos caciquís, porque andando o 1945, e desmontada a estructura da anteguerra (xa non se proxectaba a longa sombra da Casa Saco), non quedaba outra mais ou menos pública diferenciación, en non sendo a que poidesen supoñer os elementos hedillistas locais, se é que ainda tiñan pulo para facer manexos, porque os carlistas en Sarria -excepto algunhas xa murchas margaritas- non tiñan pulo. Como moverse no terreo das especulacións non conduce a nada, quede o dato de que varios xestores municipais, de xeito máis ou menos consciente ou temerario, quen sabe, mantiveron nos meses de xuño a agosto do 1945 un pulso co seu alcalde e o xefe local de FET y de las JONS e que ao alcalde non lle quedou outra vía, mesmo para non aparecer como consentidor, que comunicar o feito ao superior xerárquico. Tres anos despois, en decembro de 1948, o alcalde de Priego de Córdoba mandou un saúda ao seu compañeiro de Sarria (sería Vázquez Gayoso o recipiendario da encomenda) solicitando apoio para que todos os concellos de España solicitasen das Cortes españolas a votación dunha lei otorgando o título de Príncipe del Ebro al Jefe del Estado, «como tributo de gratitud al Salvador de España», iso quizá procurando un certo paralelismo co ínclito Godoy que fora Príncipe de la Paz. O proxecto non foi adiante en Madrid, aínda que a corporación da Sarria adoptou o correspondente acordo. Xuntas xestoras Curiosamente ningunha das sucesivas e de curta duración xuntas xestoras municipais que van de agosto de 1936 a 1939, nin as que viñeron despois, tiveron tempo nin ocasión, nin se acha referencia a proposta algunha nese sentido para darlle a algunha rúa ou praza da vila o nome de General Franco, Generalísimo, ou outro semellante. ¿Esquecemento? ¿Contestación? Quizá preguiza ou a real influencia hedillista que o alcalde do 1945 parece apuntar. Xorde unha pregunta. ¿Por que a dúbida de adhesión que se fai recaer sobre os xestores díscolos non se traduciu na adicación dunha rúa ao Salvador de España? Certamente a política de Sarria, en todos os tempos vai por inescrutables vereas lonxe das canles establecidas. Para diván dos nosos problemas non abonda o campo de Ribela.