A TRIBUNA | O |
24 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.DI UN refrán galego: «O que non ten que facer, compra un burro e vólveo vender». Esa frase podería resumir a política da concellería de tráfico en Monforte. Pero resulta que a operación se complicou de tal maneira que semella que o concelleiro vai acabar couceado antes de vender o burro. Pero señor Tomé, por favor, busque a disculpa dunha rata, que hai moitas; diga que se avariaron os semáforos todos de Monforte, e téñaos apagados unha semana. E xa verá como desaparecen o 90% dos seus grandísimos problemas. E se lle queda algún problema, póñalle unha rotonda. ¡E sexa feliz, home, sexa feliz! Non se complique a vida, que Monforte non necesita semáforos. ¿Por qué vexo que vai por mal camiño? : 1) Non fai aparcamentos; 2) quita os que había mediante pitorros (por certo, algún veciño da praza de España xa non está conforme con eses pitorros porque non son redondiños na punta, senón puntiagudos e con aristas, e por tanto, perigosos); 3) agora resulta que lle sobran coches nas rúas, e decide cambiar os sentidos de circulación para que fagan percorridos máis longos pero máis fluídos. Por favor, señor Tomé, déixese de fluidos, que todos temos moito que facer e o tempo non está para perdelo. Apague os semáforos, home, faga a proba. E bótelle a culpa a unha rata.