A cita | Feira e festa da música e da arte O festival rendirá homenaxe a un poeta da terra, Manuel María
20 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A vixésimo sexta edición do festival de Pardiñas en Guitiriz, levarase a cabo o vindeiro 6 e 7 de agosto. Os seus organizadores quixeron chamarlle feira e festa da música e da arte con motivo do conxunto de actividades que se programan, segundo afirmaron onte durante a presentación do evento. O sábado, a partir das seis da tarde, comezará a festa cunha mostra de artesanos de instrumentos de música tradicional. Ao mesmo tempo, Uxía Senlle será a encargada de ler o pregón e, a continuación, Xabier Blanco, de Moaña, ofrecerá un concerto. Tamén a esa hora se inicia a mostra de artesanía na que se recollen exposicións de pintura, escultura, fotografía e cerámica. Nesta exhibición artística non só terán presenza as obras máis tradicionais, senón tamén a produción da xente máis moza. Ademais, publicarase un caderno de debuxos de nenos que participaron no certame Terra Chá. A partir das sete da tarde haberá unha maratón e xa pola noite o grupo de gaitas Xermolos e Dixebra, chegado dende Asturias, amenizarán coa súa música. Les Batinses, formación musical e dramática procedente do Quebec, e Lamatumbá, completarán as actuacións do día. O domingo, 7 de agosto, a gaita de Sarandón do Ulla ofrecerá un concerto e ás seis da tarde haberá un novo pregón a cargo do escritor Avelino Pousa Antelo. Tamén se desenvolverá unha homenaxe a Manuel María, que asistiu durante anos ao festival, e que dirixirá Xurxo Souto. A festa animaraa Mistura-Nus, Felpeyu de Asturias, Os Diplomáticos e Alann Bique, co seu espectáculo Noite meiga . O presuposto do festival é duns 42.000 euros, segundo afirmou un dos organizadores, Alfonso Blanco. Tamén colabora economicamente a empresa Estrella Galicia.