TRIBUNA | O |
25 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NAS correntes do Seixo, a carón do muíño do Cesar, neste derradeiro día de pesca, quero darvos as grazas por outra tempada inesquecible, por todos eses intres de loita, que foron moitos, entre vós e eu. Quero darvos as grazas por facerme erguer con noite, por facerme meter por montes de toxos e silvas nos que quedou, para o recordo, a miña pel. Grazas por facerme subir penedos dos que non se esquecen os meus ósos, polas mollas que pillei e polo frío que pasei, polos arames de «picos» que se cravaron nas miñas mans e romperon cen veces o meu traxe de augas, por eses pastores eléctricos que me zorregaron descargas como se fose un ladrón de gando. Grazas por todos os golpes, caídas e mancadelas de todo tipo. Grazas aos milleiros de moscas que me comeron os ollos naquel prado anegado de purín, aos tabaos que me picaron canto quixeron... E grazas á Consellería de Medio Ambiente por sacudirme, como se fose o pastor do río, 3 euros por cada unha desas bonitas xornadas. Grazas a vós, ríos, e a vós, troitas, por deixarme comer e repousar ao voso carón, compartindo ese entorno incomparable. Co río Asma como testemuña, prométovos voltar en marzo a vivir con vós outras xornadas de amizade.