Crónica | Rememoración dunha figura histórica A homenaxe tributada en Monforte ao profesor e político Cesáreo Saco rescatou múltiples facetas dunha personalidade clave da tradición democrática e galeguista
10 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.? homenaxe ao profesor e político Cesáreo Saco co motivo do centenario do seu nacemento celebrada o pasado venres na Casa de Cultura de Monforte serviu para recuperar múltiples aspectos da traxectoria vital do veterano galeguista -nado no Saviñao en 1905, veciño de Monforte durante a maior parte da súa vida e falecido en 1994- a través dos testemuños de diversas persoas que o coñeceron, algunhas delas tan coñecidas como o ex dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras e o poeta Salvador García-Bodaño. As intervencións comezaron co testemuño de Acacio Saco, sobriño do homenaxeado, quen debullou diversos recordos persoais e familiares e sinalou a intensa relación que mantivo Cesáreo Saco co seu irmán Camilo, tamén profesor, quen compartiu con el as penalidades derivadas da represión política durante a Guerra Civil e a posguerra. Outra das alocucións correspondeu a Magín Vázquez, quen foi alumno do homenaxado na desaparecida Academia Saco, no Monforte da posguerra, e que se centrou sobre todo no seu labor educativo. Vázquez destacou a «profunda formación humanística» de Saco e a súa capacidade para «comunicar aos seus alumnos o devezo de saber». Mencionou tamén a relación que mantivo Cesáreo Saco con destacados intelectuais da Xeración Nós -Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino López Cuevillas-, aos que coñeceu en Ourense nos anos 20, e que influíron fortemente na formación da súa ideoloxía galeguista e na defensa da educación e da cultura que caracterizaron toda a súa traxectoria. Ideario político Xosé Manuel Beiras, ao igual que García-Bodaño, participou con Cesáreo Saco na fundación do Partido Socialista Galego en 1963. Na súa intervención apuntou algún dos aspectos fundamentais do ideario político e social do homenaxeado, a quen definiu como demócrata, galeguista e socialista non marxista. «Foi un galeguista nacionalista, non como Ramón Piñeiro, por exemplo, quen se definía como galeguista-federalista», precisou a este respecto. Beiras apuntou ademais outros compoñentes da ideoloxía de Saco -como o influxo do pensamento krausista e do escritor e filósofo galeguista Xoán Vicente Viqueira- e incidiu na importancia que lle daba á educación como base fundamental da democracia e do progreso social. «Saco consideraba que o socialismo só podería chegar mediante unha xeneralización da cultura cívica», engadiu. A seguinte intervención correu a cargo de Manuel Caamaño, quen colaborou con Cesáreo Saco no proxecto pedagóxico e cultural Escola Aberta, iniciado en 1978. Comesaña cualificou a Saco como «galego admirable e admirado» e falou extensamente sobre o seu papel na reorganización da esquerda galeguista a principios dos anos 60. A este respecto, destacou a súa proximidade ás novas xeracións de militantes formadas na posguerra, aínda que por idade pertencía a unha xeración anterior. «Participou como un mozo máis nun traballo sen acougo», afirmou. A última intervención, e tamén a máis breve, foi a do poeta Salvador García-Bodaño, quen recuperou un soneto dedicado a Cesáreo Saco que escribiu en 1986, cando o profesor cumpriu 80 anos e foi galardoado co Pedrón de Ouro. O escritor sinalou ademais que o homenaxeado foi para el un representante da mellor tradición democrática e galeguista: «Cesáreo Saco foi unha das figuras que me deron a entender a firmeza rotundas das xentes da anteguerra», resumiu.