Amandi apto para menores

LEMOS

Reportaxe Nenos e rapaces poderán participar na preparación e xestión dun posto de bebidas non alcohólicas na próxima edición da cita vinícola máis antiga da Ribeira Sacra

29 mar 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? Concello de Sober quere implicar aos menores de idade na vixésima sexta edición desta popular Feira do Viño de Amandi, que se celebrará entre os días 8 e 9 do mes próximo. A iniciativa que prepara, loxicamente, non ten unha relación directa co consumo de viño, pero si pretende familiarizar aos máis novos cos procesos de elaboración, comercialización e degustación de bebidas. Os visitantes da próxima feira poderán ver xunto ao recinto un «posto de beberaxes» -de bebidas non alcohólicas, por suposto- que será montado e atendido por nenos e rapaces de ata 18 anos. Os participantes terán ocasión de colaborar na ambientación e decoración do posto, así como de preparar unha campaña publicitaria a base de rotuladores, cartulina e outros elementos. O «posto de beberaxes» será inaugurado o 8 de abril, ás 16 horas. As bebidas -zumes e batidos- que se servirán neste establecemento serán elaboradas polos propios rapaces a base de laranxas, morangos, plátano e outras froitas. Eles mesmos encargaranse de valorar a calidade dos produtos e as súas posibilidades comerciais, así como de facer unha avaliación final dos resultados. Dúas monitoras guiarán estas actividades, que incluirán tamén nocións básicas de atención ao público, e un rapaz farase responsable de cada unha das actividades do programa. Traballo en equipo Os responsables da iniciativa esperan que os rapaces, mediante estas actividades, aprendan a coñecer mellor o medio socioeconómico e o entramado laboral do municipio, asumindo o papel de «pequenos empresarios». Preténdese tamén que este labor reforce as súas capacidades para traballar en equipo e para asumir responsabilidades. «As actividades non se axustan a ningún papel predeseñado, polo que a liberdade e as decisións acordadas en grupo serán parte importante de todas elas», explican os promotores.