Medidas efectivas de Tráfico

CARLOS VÁZQUEZ

LEMOS

TRIBUNA | O |

18 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

DISE que o novo carné por puntos ten como finalidade penalizar os infractores reincidentes. Ademais da sanción económica o condutor perderá puntos ata que o seu cupo quede en cero. Entón retíraselle a licencia, medida que se traduce en cifras moi alentadoras noutros países, cun considerable descenso da sinistralidade. Quen teña que actuar que o faga, porque as campañas de Tráfico parecen non concienciar á xente como sería esperable. Segue habendo condutores que circulan bébedos, que falan polo móbil ao volante, que non respectan os límites de velocidade. E pagan xustos por pecadores, como reflectía a esquela que estes días uns pais puxeron polo aniversario da morte da filla de 20 anos. «El alcohol que otro bebió, a ella la mató». Pasa a miúdo pois ¿que me din do rapaz de 18 anos que conducía a 140 e sen carné pola vía do Salnés? Circula sen permiso, sobrepasa o límite e mata a cinco persoas. Algo hai que pensar para cambiar esta realidade. Queremos feitos, porque o alcohol, a velocidade, o móbil, fumar ao volante¿ todo se traduce na perda de atención e a miúdo nun triste desenlace. Quizais o carné por puntos sexa o sistema máis axeitado para escapar da presente realidade, na que os accidentes deixan cada día tristes noticias, persoas en cadeira de rodas, familias desfeitas e vidas rotas, como vimos de ver nas vacacións da Semana Santa, no choque de Meis, no accidente do bus dos boy scouts,¿ata sobrepasar os 105 mortos do 2005. Todo é pouco para evitar cifras tan aterradoras, cando máis da metade dos mortos en Galicia por accidente de tráfico desta Semana Santa tiñan menos de 30 anos. Non vale mirar para outro lado. O exceso de velocidade é o peor compañeiro de viaxe, como a inxesta de alcohol e o feito de circular sen cinturón de seguridade. Que Tráfico actúe.