A longa carreira do ensino

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Crónica | A educación secundaria en Sarria A vila non contou con un instituto ata hai trinta anos cando o alcalde, Euxenio Quiroga, e unha comisión de cidadáns fixo as xestións para logralo

01 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Foi en 1932 cando por ver primeira algúns visionarios da localidade empezaron a soñar coa creación dun instituto de ensino medio, reclamado nas páxinas de El Estrellao . A II República que contemplou a creación de centros de ese grao en localidades da provincia, por exemplo Vilalba, suprimidos na posguerra, de non ter xurdido o levantamento militar, seguramente tería acollido ese desexo dos sarriaos. Toda unha serie de academias particulares: Galicia, Julia Álvarez, Telégrafos, Balmes Comercial, Felipe II, Rosalía de Castro foron atendendo a demanda e moitos bacheleres estudantes de comercio e maxisterio seguiron por libre estudos sen ter que saír da vila. Sendo alcalde don Xabier López Acevedo iniciou as xestións para a consecución dun instituto laboral en 1963, xestionando a compra de terreos na Agra de Pacios, mais a súa prematura morte deixou aparcado o proxecto. Sendo alcalde don Xesús Vázquez Rivas, e diante de incitacións recordatorias chegadas do Ministerio de Educación (desde Sarria nada se pedía), retomouse o proxecto, dubidando entón entre facer un instituto da rama mineira ou da madeira, e así se perderon tres anos nun mar de parvas dúbidas. Na sesión do Concello de 30 de xuño de 1965 acordouse comprar, con toda urxencia pois a obra estaba concedida xa dende había dous anos, unha finca propiedade de dona Dores López Pérez, no Campo do Rolo ou Devesa de Pepe da Ponte, por un custo de 275.000 pesetas, contando cunha subvención da Deputación Provincial de 150.000 pesetas, e unha axuda de 50.000 concedida pola Caixa de Aforros da Coruña e Lugo, e ao resto fíxoselle fronte con empréstito subscrito coa Deputación. Cesión de terreos O 25 de marzo de 1966 o Concello acordou cederlle o Ministerio de Educación nacional e Padroado de Ensino Medio e Profesional a finca do Campo do Rolo, que recibira o visto e prace do arquitecto Francisco Navarro Borrás, da Dirección Xeral de Ensino Laboral, que o achou axeitado para o fin proposto. Cedeuse pois o terreo para facer un instituto laboral. E pasou o tempo e o terreo ficou de baluto. O mesmo 30 de xuño de 1965 o Concello, crendo suficiente para os estudos de bacharelato na vila a creación dun colexio libre adoptado, pois había dúas academias que impartían ensino medio con resultado pouco satisfactorio , estimando debía ter a capacidade de atención a 480 alumnos, para o que ofreceron un solar de 9.800 metros. Hai uns meses de baleiro documental que non permiten saber como se teceu a tea, mais o caso foi que o Concello en 29 de setembro de 1966 tomou coñecemento de que no 9 de febreiro do mesmo ano o alcalde don Xesús Vázquez subscribira un documento con dona Trinidade Ortiz Tallos, superiora provincial en León e Galicia da orde das relixiosas da Asunción, no que consta que: «O Concello de Sarria (Lugo) ten pedida a creación dun colexio libre adoptado feminino, CLA, e dacordo co convido con anterioridade, cede todos cantos dereitos e obrigas lle corresponden a favor da orde relixiosa da Asunción, cuxa representación ostenta a reverenda Madre antes citada, subrogándose en tódolos dereitos e obrigas». Queda en 1966 esquecida a loita polo instituto laboral, e a orde da Asunción asume o ensino secundario (feminino), abrindo primeiro as clases en Villa Andrea e facendo máis adiante obra en Lama da Gándara, tamén con internado. Pola súa parte, a orde da Mercé, que viña adicándose ó ensino dos seus postulantes, abreu o colexio para externos e internos, ofrecendo clases de primaria e bacharelato. Diante desta nova situación as academias privadas foron esmorecendo e non foi ata os anos 1973-1075 cando xa na alcaldía de don Euxenio Quiroga se retoman as xestións, implicándose nelas o Concello e unha comisión de cidadáns que acaban conseguindo a creación dun instituto de bacharelato e outro de formación profesional que primeiro funcionaron en aulas adaptadas no que fora grupo escolar Matías López (Casa da Cultura) e locais da biblioteca municipal e que logo se trasladaron a terreos de Pedredas-Ribela. Os veciños fixeron importantes aportacións económicas.