Música intermitente en Pantón

Francisco Albo
Francisco Albo FERREIRA DE PANTÓN

LEMOS

Reportaxe | Unha cita festiva pouco común Ferreira recupera hoxe o Festival do Castro, unha singular celebración musical que se remonta a finais dos anos setenta, aínda que só coñeceu ata agora cinco edicións

18 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Ás nove da noite de hoxe comeza en Ferreira de Pantón unha nova edición do Festival do Castro, unha das citas musicais máis singulares do sur lucense. Aínda que oficialmente esta é a sexta edición, os inicios do festival remóntanse a finais dos anos setenta. A pesar do reducido número de veces que se celebrou, por el pasaron figuras moi destacadas da música galega e mesmo doutras comunidades. Se comezou sendo un festival folk, nas súas sucesivas edicións acolleu propostas moi afastadas deste patrón. Ninguén sabe explicar o porqué desta estraña intermitencia do festival, a pesar de que chegou a apuntarse éxitos moi notables. Simplemente, foise celebrando cada vez que en Pantón aparecía un grupo de xoves dispostos a organizalo e a iniciativa foi así pasando dunha xeración a outra. «É curioso o camiño que colleu este festival e pensar no que podería ter chegado a ser se tivese máis continuidade, tendo en conta que comezou na mesma época que o de Ortigueira», comenta Christian López Carmona, un dos organizadores da actual edición. «Agora intentaremos consolidalo e celebralo con máis regularidade, pero todo depende de como nos saia esta edición», engade, mostrando a súa preocupación pola inestabilidade do tempo. As orixes do festival quedan xa tan remotas que nin os seus propios creadores recordan con exactitude as circunstancias. Un dos organizadores da primeira edición, Benxamín González, nin sequera conserva fotografías daquelas primitivas actuacións, unha das cales, segundo recorda, foi a dos entón moi célebres Fuxan os Ventos. «Eran cousas que se facían para pasalo ben nas festas e para popularizar un pouco máis a música galega, sen máis pretensións. Pouca xente se preocupaba de facer fotos desas cousas», explica. O primeiro Festival do Castro celebrouse no ano seguinte ao do primeiro Festival de Ortigueira, é dicir, en 1979, segundo recorda Benxamín González, quen apunta que a idea xurdiu entre un grupo de rapaces que colaboraban como ramistas na organización das festas de Ferreira. «Ao principio non custaba moito xuntar os cartos porque aqueles grupos saían moito máis baratos que calquera orquestra das verbenas», comenta. Co paso do tempo, no modesto festival actuarían desde Suso Vaamonde ata Los Rodríguez, pasando por Milladoiro, Berrogüetto, Carlos Núñez e Kepa Junquera. A última edición do festival foi en 1999 e ofreceu actuacións de Mutenrohi e varios grupos de pandeireteiras. Os organizadores da presente edición esperan que non volva ser preciso esperar tanto tempo para ver a próxima. O festival de hoxe mostra certas novidades con respecto aos seus predecesores, principalmente un xantar popular que comezará ás 14.30 horas. As actividades ábrense ás once da mañá. No concerto da noite tocarán Os Carunchos, Os Tres Trebóns, A Banda de Poi, Nao e Dios ke te Crew.