«Irrítame que non se recoñeza a importancia destas vías»

La Voz

LEMOS

Entrevista | Isidro García Tato O investigador valdeorrés falará hoxe en Monforte sobre a historia da ruta do Sil, que na súa opinión padeceu un abandono inxusto por motivos políticos e intereses localistas

15 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O historiador Isidro García Tato defende decididamente a importancia do Camiño de Inverno, e non só como ruta de sendeirismo. A súa atitude, segundo afirma, non se debe á súa condición de valdeorrés. Ao seu xuízo, o abandono que padeceu esta vía é un síntoma claro da desarticulación histórica do territorio galego. -Os estudos que fixen leváronme á conclusión de que o camiño do Sil ou Camiño de Inverno é a entrada natural en Galicia desde a Meseta por antonomasia. Por motivos orográficos, climáticos e históricos, a súa importancia estratéxica como vía de comunicación está por enriba da dos camiños que entran en Galicia polo Cebreiro e polo Padornelo. Se hoxe esta vía está postergada con respecto ás outras, é só por motivos políticos e non xeográficos ou demográficos, porque os intereses das capitais provinciais de Lugo e Ourense boicotearon sempre todos os intentos que se fixeron de convertela na principal entrada a Galicia. Se Monforte ou O Barco de Valdeorras tivesen chegado a ser capitais de provincia, non hai dúbida de que as cousas serían hoxe moi diferentes. Ou se non tivese desaparecido a provincia do Bierzo, con capital en Villafranca, que existiu durante un tempo no século XIX. -¿A que época se remontan as orixes deste camiño? -Datan da época da conquista romana, de cando as tropas de Caio Firmio entraron en Galicia seguindo o curso do Sil. Máis tarde creouse a chamada Vía XX, que viña polo val do Sil e que tiña unha vía secundaria desde Quiroga cara a Monforte e Chantada. Esa liña de acceso a Galicia mantívose durante toda a Idade Media e dura ata a época moderna. No século XVIII houbo intentos serios de potenciala, que foron boicoteados sobre todo polos señoritos de Ourense. A pesar de todo, mantivo a súa importancia como vía de comunicación e foi por ese camiño que o ferrocarril entrou en Galicia. O abandono histórico que padeceu este camiño reflíctese aínda hoxe na situación da estrada N-120, que non está en condicións de absorber adecuadamente todo o tráfico vehículos e mercadoráis que ten. -Hai quen pon en dúbida que fose realmente un camiño de peregrinación -Eu mesmo localicei documentos históricos que proban que foi utilizado como ruta de peregrinación e está demostrado que nesa vía houbo hospitais para atender aos peregrinos. Pedir que se recoñeza o carácter xacobeo deste camiño non ten menos fundamento, por exemplo, que pedilo para o chamado Camiño de Fisterra. Deixando aparte o Camiño Francés, non hai ninguna outra vía de entrada en Galicia que tivese tanta importancia histórica como o camiño do Sil. E desde o punto de vista cultural e paisaxístico, está de sobra fundamentado que se potencie este camiño. Irrítame que non se queira recoñecer a importancia histórica destas antigas vías de comunicación e, en xeral, destas comarcas do interior galego. Parece como se en Galicia non importasen máis que a costa e un par de sitios do interior, como as cidades de Lugo e Ourense.