Reportaxe A corporación monfortina deberá escoller o próximo luns entre dúas candidatas que aspiran a ser a primeira muller que ocupe un cargo creado hai 57 anos
09 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.? próximo luns, o pleno do Concello de Monforte deberá resolver o nomeamento dun novo cronista oficial do municipio. A circunstancia é case insólita na historia local por varios motivos. Non só se trata de cubrir un cargo que leva sete anos vacante, senón que por primeira vez, desde que existe oficalmente este cargo, haberá dous candidatos a ocupar o posto. Ademais, trátase de dúas mulleres. Ata agora todos os cronistas oficiais de Monforte foron homes. ?s dúas candidatas ao cargo de cronista oficial, Margarita Rodríguez Otero e Manuela Sáez González, teñen certos rasgos en común. Ademais de investigar a historia local e publicar traballos sobre ela, ambas forman parte da asociación Amigos do Patrimonio de Lemos. A primeira ocupa un cargo directivo nesta entidade e a segunda fíxoo hai tempo. As dúas aspirantes dedícanse tamén con frecuencia á divulgación histórica a través de conferencias. Manuela Sáez ten impartido charlas en diversas localidades galegas e en Madrid acerca do patrimonio artístico de Galicia, a arte románica, o Camiño de Santiago e a historia de Monforte. Margarita Rodríguez, pola súa parte ten ofrecido tamén diversas charlas sobre a historia da comarca de Lemos, principalmente nos centros educativos da zona. Por outro lado, ademais das súas publicacións e conferencias sobre a historia local, Manuela Sáez está preparando un congreso que se celebrará en Monforte o ano próximo e que estará dedicado ao sétimo conde de Lemos e principalmente ao período en que foi vicerrei de Nápoles. A historiadora espera que neste congreso poidan participar destacados especialistas españois e italianos. Así mesmo, o ano pasado, Manuela Sáez descubriu -xunto con César Carnero, presidente de Amigos do Patrimonio de Lemos- unha importante colección de libros antigos e pinturas no convento de Santa Clara. Estes materiais serán posiblemente expostos no Museo de Arte Sacra do convento da comunidade clarisa cando este sexa ampliado.