Un Día das Letras especial

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

En directo | Celebracións do 17 de Maio Seoane do Courel será hoxe o escenario das principais actividades organizadas pola Real Academia Galega en homenaxe á poetisa María Mariño

16 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? celebración do Día das Letras Galegas reviste este ano un especial interese nas terras do sur lucense, xa que os actos centrais da xornada se desenvolverán en terras do Courel, a última morada da poetisa María Mariño. Ás 11.30 horas haberá unha ofrenda floral e un recital de poesía no cemiterio de Seoane, onde está enterrada a escritora. Unha hora máis tarde, a Real Academia Galega celebrará unha sesión plenaria no centro sociocultural de Seoane. Ademais do presidente da institución, Xosé Ramón Barreiro, falarán neste acto os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín e Darío Xohán Cabana e a filóloga Rosario Álvarez Blanco. Nestes actos estará tamén presente o conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu. Última etapa María Mariño Carou, cuxo centenario se celebrará o próximo 8 de xuño, naceu en Noia e faleceu en 1967 en Parada do Courel, onde pasou os últimos vinte anos da súa vida e onde o seu marido, Roberto Posse Carballido, traballou como mestre de escola. Foi nesta localidade onde coñeceu ao poeta Uxío Novoneyra, quen a animou a escribir poesía en galego. Foi en Parada onde escribiu a parte máis importante e coñecida da súa singular obra literaria, constituída polos libros Verba que comenza e Palabra no tempo . Desde que comezou a celebrarse o Día das Letras Galegas, en 1963, esta é a terceira ocasión en que esta xornada cultural se dedica a unha escritora. Rosalía de Castro e Francisca Herrera Garrido era ata agora as únicas mulleres homenaxeadas nun 17 de maio.