Monforte celebra a súa décima Feira do Libro nun momento en que os autores naturais da Terra de Lemos teñen cada vez máis peso no panorama literario galego
22 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Un pregón do escritor monfortino Lois Diéguez abrirá ás oito da tarde de hoxe a décima edición da Feira do Libro de Monforte na rúa do Cardeal. Diéguez, que despois asinará exemplares da súa nova novela O canto do muecín , foi durante bastante tempo a única figura literaria coñecida da Terra de Lemos, se se exceptúa ao poeta Manuel María -monfortino de adopción- e a divulgadores da historia local como Germán Vázquez ou Manuel Hermida Balado.
A situación mudou considerablemente nos últimos tempos, de xeito que nos postos da Feira do Libro poderá ser posible encontrar un bon número de obras de de autores naturais da comarca, que por outro lado despertan un amplo interese por parte da crítica e obteñen importantes premios. Un dos máis célebres na actualidade é a monfortina Teresa Moure, que o venres -ás 20 horas- asinará na feira exemplares da recén publicada Benquerida catástrofe , a súa terceira novela, que aparece despois de Herba moura e de A xeira das árbores . Moure, que tamén é autora dos ensaios Outro idioma é posible e A palabra das fillas de Eva e da obra teatral Unha primavera para Aldara , ten sido distinguida en tempos recentes con algúns dos galardóns literarios máis prestixiosos de Galicia, como son os premios Xerais, Irmandade do Libro, Sanclemente, Ramón Piñeiro e Lueiro Rey, ademais dos premios da Crítica Española e da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Na feira probablemente tamén será fácil encontrar a novela Lois e Helena buscándose un día de tormenta , que lle valeu ao escritor e xornalista monfortino Manuel Veiga o premio García Barros do 2006. Esta é a cuarta obra de carácter narrativo de Veiga, quen anteriormente publicara as novelas As ruínas da cidade amada e O exiliado e a primavera -premio Xerais do 2004-, o libro de relatos Biografías de malogrados e o ensaio O pacto galego na construción de España .
Outro autor monfortino cuxa presenza é habitual nas librerías é Antón Lopo, quen publicou en tempos recentes a obra teatral Os homes só contan até tres , galardoada co premio Álvaro Cunqueiro. Lopo conta xa cunha obra bastante extensa na que figuran, entre outros títulos, os libros de poemas Pronomes e Fálame , as novelas O riso de Isobel Hill e Ganga , o ensaio As tres mortes de Lorenzo Varela e ata traducións como A balada do cárcere de Reading , de Oscar Wilde.