Á busca de papuxas en Bóveda

Xavier Lombardero

LEMOS

A migración dos paxaros que antano eran servidos en empanada atrae aos ornitólogos, que organizan hoxe e mañá unhas xornadas de anelamento

22 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Antano comíanse por necesidade e ata fixeron célebre unha empanada característica da gastronomía do sur lucense. Hoxe son un espectáculo que atrae aos ornitólogos para ver o seu paso migrador cara o sur. Son as papuxas, uns paxaros que protagonizan unha das viaxes pola Galicia interior, seguramente menos coñecidas que as rotas costeiras das aves mariñas, pero que a Sociedade Galega de Ornitoloxía e os grupos Anduriña ou Hércules de aneladores tratan de reivindicar.

O ano pasado xa houbera unha reunión de aneladores e este ano repítese. Hoxe e mañá pola mañá estarán en Bóveda unhas quince persoas que comprobarán o número e estado de alimentación e saúde dos paxariños, poñéndolles unha marca nas patas, para logo soltalos. «Poremos unhas baterías de redes e esperamos obter unha foto fixa de cómo está o paso de aves na zona. Pretendemos avanzar nun estudo da migración polo interior galego», di Cosme Damián Cousido. Os investigadores andarán preto da estrada que leva a Ponferrada, nas beiras dunha recta longa, onde hai un lugar con nome tamén moi ornitolóxico: A Curuxa.

Non obstante, estes ornitólogos andan algo apenados polas rozas que houbo na zona en parte fundamental do hábitat destas aves. Numerosas sebes de matogueira e espiños que dividen as fincas -un sitio especialmente apreciado polas papuxas- foron arrasadas e teñen menos acubillo. Se cadra este ano contarán menos nesta parada onde as aves fan un alto para alimentarse (comen arañas e outros insectos) e que as trae ruta pola Terra Chá e as ribeiras do Miño.

«Polo número -di Cousido- había moita papuxa das amoras, papuxa picafollas, paporrubio, picanzo vermello e picanzo real e tamén picafollas musicais e común, ou rousinol bravo. É unha pasada a cantidade de aves que hai, e a maior parte veñen do norte de Europa».

No ano 1975 o anelador británico Chris Nead xa fixera un estudo publicado na revista Ibis sobre a migración no interior de Galicia e Portugal. Daquela montara un campo de traballo en Distriz (Monforte), obtendo a foto fixa das poboacións.

A zona de Bóveda coñécese tradicionalmente polo paso das papuxas e de vello collíanse as papuxas con redes, para comer.

Caza con liga

Aínda hoxe os naturalistas seguen loitando por desterrar a caza con liga, na que se empregaba cola para untar as polas onde quedaban pegados os paxariños. En Cataluña, onde din que a Generalitat podería legalizala, andan recollendo asinaturas contra un método considerado cruel para capturar os paxaros -moitos quedan cadáveres nas árbores- e expresamente prohibido polas leis europeas, porque non é selectivo e non se pode controlar ben.

Varios grupos ecoloxistas cataláns láianse de que «no nome da tradición, os cazadores usan reclamos eléctricos e centos de miles de paxaros en migración desde o norte de Europa, e un 30% doutras especies protexidas, son atraídos ás árbores embadurnados de liga en barracas pechadas nas comarcas catalanas». Tamén queren impedir que se legalice a modalidade de caza con rede que consiste en atrapar paxaros sedentos atraídos con cuncas de auga, método que tamén está prohibido en España.