Cazaría pacífica en Ribas Pequenas

LEMOS

A recente campaña da Sociedade Galega de Ornitoloxía volveu poñer de manifesto a riqueza da avifauna da comarca de Lemos, pero tamén os seus problemas

30 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A «cazaría» de aves levada a cabo recentemente por membros da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) no municipio de Bóveda puxo de manifesta a riqueza e a variedade da avifauna que segue caracterizando ao Val de Lemos, a pesar das alteracións ambientais e do retroceso experimentado por diversas especies nas últimas décadas. Durante a pasada fin de semana, os ornitólogos tenderon en diversos puntos da parroquia de Ribas Pequenas máis dunha trintena de redes nas que capturaron 349 exemplares de 33 especies. Exceptuado o caso dun gavián ( Accippiter nisus ) -que como todos os demais exemplares, foi medido, pesado e dotado dun anel identificador antes de ser liberado de novo-, todas as capturas foron de paseriformes ou aves de percha, isto é, o que se coñece simplementec como paxaros pequenos. «Tivemos bastante éxito nesta campaña porque conseguimos unha boa representación de maioría das especies pequenas que viven actualmente nesta zona», apunta Cosme Damián Romay, un dos ornitólogos que participaron nestas xornadas.

Entre estes centenares de aves apareceu toda unha rareza: un exemplar de picanzo real ( Lanius meridionalis , coñecido en castelán como alcaudón real), unha especie da que se coñecen moi poucas capturas en Galicia desde que se fan anelamentos con obxectivos científicos. «O feito de atraparmos esta ave é un bon sinal, porque indica que na comarca de Lemos se mantén polo menos unha pequena poboación desta especie, que nos últimos anos está retrocedendo moito en todo o territorio galego», comenta Romay. Nunha boa parte da comunidade, en cambio, mantense nun estado relativamente estable outra especie moi próxima a esta: o picanzo vermello ou alcaudón dorsirrojo ( Lanius collurio ).

Especies populares

Nas redes dos ornitólogos caeron así mesmo exemplares de diversas especies moi populares, como a papuxa -da que se colleron cinco variedades diferentes-, o ferreiriño ou o xílgaro. Con respecto a esta última especie, os expertos comentaron que «a pesar de que xa non se captura en grandes cantidades para comercializalo como ave de gaiola, ao contrario do que se facía antes, e de que nese sentido goza hoxe dunhas condicións moito máis favorables, o certo é que continúa diminuíndo».

Á marxe das capturas, durante estas xornadas de investigación os ornitólogos tamén tiveron ocasión de anotar avistamentos de diversas especies de especial interese. Entre elas destacou particularmente a do peneireiro cinzento ( Elanius caeruleus , denominado elanio azul en español) unha pequena rapaz de cor clara que chamou poderosamente a atención dos participantes nesta campaña científica. A este respecto, Romay sinala: «Pensamos que esta especie está tratando de aniñar no Val de Lemos e iso é algo moi curioso, porque os peneireiros proceden do norte de África e están experimentando desde hai tempo unha lenta expansión pola Península. É predicible que estas aves se vaian estender por Galicia, porque ultimamente son avistadas con certa frecuencia en diversos lugares do territorio», engade. Os investigadores tiveron a oportunidade de ver como os exemplares do peneirero cinzento cazaban presas en terras de Bóveda e incluso puideron observar como mantiñan disputas con outras rapaces de maior tamaño.