Presentada a oferta formativa de danza, teatro, fotografía e creación musical do novo curso universitario en Lugo
03 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Comeza o curso universitario en Lugo e tamén se presentaron as actividades culturais para este novo exercicio académico. O vicerreitor de Cultura, Elías J. Torres Feijó; o director da Área de Cultura, Pablo Sampedro; e a encargada desta oficina no campus lugués, Paloma Lugilde, foron os encargados de presentar a programación para os espazos de danza, teatro, fotografía e creación musical. Todos eles sinalaron que os cursos serven para traballar a formación en diferentes campos artísticos e tamén ofrecen créditos de libre configuración para os seus planos de estudos.
O Espazo de Danza , que dirixe Juan Carlos Zahera, ten aberto o prazo de inscrición ata o día 31 deste mes. As clases impartiranse na Aula de Teatro e Danza, na Facultade de Veterinaria, e crearanse dous grupos dun máximo de vinte persoas cada un no caso de danza galega e dun máximo de 15, na danza contemporánea. Ambos desenvolveranse entre outubro e abril, en horario de tarde.
Dentro do Espazo de Creación Musical impartiranse talleres de sección vocal, a cargo de Mónica Álvarez, e de sección electrónica, por parte de Arturo Vaquero. As clases serán os xoves e os martes na Aula de Música da Escola Universitaria de Formación do Profesorado. O monográfico deste ano levará por título «Músicas para a escola» e terá lugar os venres e sábados do vindeiro mes de xaneiro. Impartirano os profesores universitarios Edson Zambrona e Antonio Alcázar. A novidade para este curso será a posta en marcha de grupos autónomos, co debido asesoramento. Tamén se dará apoio aos alumnos que queiran formar grupos de creación.
Varios son os módulos de formación previstos para o curso 2007-2008 dentro do Espazo de Fotografía . Un de iniciación, do 29 deste mes ao 13 de decembro, e outro de perfeccionamento, do 11 de xaneiro ao 22 de febreiro. Tamén se dedicará un curso á fotografía dixital. Unha vez máis, as principais liñas de traballo deste espazo xirarán en torno ao laboratorio de fotografía e o maratón fotográfico.
Por último, no Espazo de Teatro proseguirá a formación actoral a través do Taller de arte dramática, do que se encargan Tito Asorey e Roberto Salgueiro. Como complemento haberá sesións monográficas dedicadas á comedia da arte, maquillaxe e construción e manipulación de marionetas.
O vicerreitor de Cultura anunciou a creación da Unidade de Actividades Escénicas para o 2008 e un ano despois crearíase a Unidade de Actividades Musicais. Ademais presentou un proxecto para fomentar a participación dos universitarios nas facetas da cultura.