O cineclube monfortino cumpre dez anos organizando un certame audiovisual para rapaces e unha nova mostra fílmica
20 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O cineclube monfortino A Calexa festexará os seus primeiros dez anos de actividade organizando un certame de curtametraxes para os alumnos de todos os centros educativos de Monforte. As bases deste concurso serán remitidas a todos os colexios e institutos a semana próxima, pero os promotores xa adiantaron que se admitirá calquera formato, técnica e temática e que os filmes poderán ser presentados tanto a título individual como por grupos de alumnos ou de amigos.
A directiva do cineclube espera poder pechar a primeiros de decembro o prazo de admisión de traballos e posteriormente, dentro do mesmo mes, convocará un acto no que se proxectarán as obras gañadoras e unha selección dos demais traballos presentados. Os premios -seis en total- dividiranse en dúas categorías, correspondentes ao ensino primario e secundario. O obxectivo, segundo os representantes da asociación, consiste en «difundir a linguaxe audiovisual entre os rapaces» e ofrecer «unha experiencia estimulante para os alumnos, que pode ter un valor pedagóxico como actividade dentro da aula».
Xornadas anuais
A iniciativa foi anunciada onte por Alfredo Vázquez Sajurjo e Antonio Vidal, respectivamente secretario e tesoureiro do cineclube -acompañados pola concelleira de Cultura Alicia Cadarso-, que por outra parte presentaron a oitava edición da Mostra de Cine de Monforte, unha das principais actividades desta asociación. As xornadas desenvolveranse entre os días 22 e 31 e comprenderán a proxección de dezaséis filmes, entre longametraxes e curtametraxes. O horario das proxeccións dos filmes de grande formato adiántase con respecto aos anos precedentes, pasando das once da noite ás 22.30 horas. As entradas para estas sesións custarán 4,50 euros, pero ofrecerase a posibilidade de adquirir bonos de vinte euros que permitirán asistir ás seis proxeccións de longametraxes previstas.
O décimo aniversario da creación do cineclube conmemorarase o día 22 coa proxección do célebre filme Blade Runner, de Ridley Scott, que xa inagurara as actividades da Calexa a primeiros de novembro de 1997. A asociación tamén pretende organizar proximamente un debate sobre o cine español actual, que aínda non ten data.