Unha festa única en Galicia, pero con paralelismos en diversas rexións europeas

La Voz

LEMOS

16 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A singularidade do Oso de Salcedo débese ao feito de que é a única festa carnavalesca protagonizada por unha figura de oso que se conserva en toda Galicia. Non obstante, o festexo está lonxe de ser un caso único no continente. Investigadores como Dupuoy e Lajoux xa sinalaron as semellanzas que mostra con outros antigos festexos que se celebran en diversos puntos dos Pirineos, Bélxica, Suíza, Austria, Italia ou Romanía, entre outros lugares. Entre todas estas manifestacións, as que mostran máis semellanza coa festa de Salcedo son posiblemente as que se conservan na Cataluña francesa, en opinión dos especialistas.

O etnólogo Jean-Dominique Lajoux cre que todos estes festexos son pervivencias ailladas de tradicións moi antigas que se remontan talvez ao Paleolítico e que ao seu parecer poden relacionarse coas relixións animistas que aínda se manteñen entre os pobos indíxenas de Siberia, nas que a figura do oso ten unha grande importancia. Robert Bosch, pola súa parte, cre necesario conservar estas tradicións para que a sociedade actual manteña dalgunha forma o contacto co ritmo das estacións, algo que ao seu parecer se está a perder coa desaparición das vellas sociedades rurais.