Asociacións, empresas e institucións presentan os seus produtos e dan a coñecer o seu labor nos ámbitos forestal, madereiro e medioambiental no recinto feiral lucense
29 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Ten un carácter netamente profesional, pero tamén está aberta a toda a sociedade. É a segunda edición de Foresgal, a feira forestal que ata mañá reúne no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a medio cento de expositores de empresas, asociacións e institucións que acoden a esta cita co propósito de dar a coñecer os seus produtos máis novidosos e informar aos visitantes dos traballos que están levar a cabo nos sectores madereiro, medioambiental e forestal.
Consellerías como as de Medio Rural, Innovación e Industria, Vivenda e Solo e Cultura e Deporte están representadas nesta feira, ben a través de stands propios, ou de entidades dependentes deses departamentos, como é o caso do Servizo de Montes ou o Inega. Neses expositores un pode descubrir por exemplo as actuacións rehabilitadoras levadas a cabo no barrio lucense da Tinería, ou ben os castros galegos nos que se está realizando algún tipo de traballo. Neste eido tamén se pode encadrar o stand do Voluntariado en defensa do monte galego.
Trituradoras forestais
No ámbito empresarial, os asistentes van poder atopar desde firmas de sementes ata viveiros pasando polas dedicadas á maquinaria para os traballos no monte, desde unha motoserra ata as trituradoras forestais de última xeración. Polo demais tamén son varias as empresas que levan a cabo traballos agrícolas e forestais ou de loxística que se promocionan nesta feira. Para completar todo isto hai varios expositores que centran a súa actividade na xardinería e na consultoría medioambiental.
Reparando en cuestións un pouco máis técnicas, os visitantes poden facer un alto nunha serie de stands coma os do CIS-Madeira, a Asociación Forestal de Galicia ou a Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común. Neste grupo tamén se poderían encadrar firmas como Cartografía Galicia.
Cooperativas e asociacións forestais da propia provincia e de outros lugares de Galicia tamén acudiron a esta cita para deixar constancia do seu quefacer a través de folletos ou de carteis explicativos. O mesmo fixeron as asociacións que representan aos produtores de ovino e caprino ou de porco celta, ou a Federación Galega de Caza.
A madeira nos seus diferentes ámbitos está plenamente representada en Foresgal, xa sexa a través de industrias como Costiña; no terreo da construción, coa firma Las cinco jotas, ou na súa transformación en papel, co grupo Portucel Soporcel.
Se cadra un dos expositores máis curiosos que os asistentes van atopar en Foresgal é o da Asociación Galega de Apicultura, que conta cun amplo e variado surtido de todo o que as abellas fan para beneficio dos seres humanos.
Mostras etnográficas
As propostas no eido da cultura non son alleas a esta feira. Entre elas destacan as de carácter etnográfico, xa que o Museo Provincial de Lugo colgou no recinto unha mostra de fotos de Walter Ebeling, baixo o título Lugo, o monte e as xentes . Tamén se recrean espazos e personaxes típicos, como unha lareira ou un aserradeiro, no que non faltan o tronzón ou a serra portuguesa, ou o popular oso de Salcedo. Completa a oferta a mostra itinerante do Encontro de torneiros.
Ademais de visitar os diferentes expositores, o público que pase por Foresgal poderá ser partícipe dalgunhas das actividades programadas para esta feira, como é o caso do circuíto de motoserras e traballos de monte, as demostracións de maquinaria, as exhibicións de corta, os xogos populares, o campionato de bolos celtas e de billarda ou o de motoserristas. Tamén están previstas sesións de contacontos, que no marco dunha feira forestal relacionaranse co monte e a súa riqueza.