«A liberdade das mulleres implica a liberdade dos homes»

Carlos Vázquez

LEMOS

A autora lucense, con raíces familiares en Bóveda e Chantada, dirixirá un dos primeiros cursos de verán da USC en Monforte

26 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Amante da liberdade, muller dialogante anque feminista convencida, a profesora e escritora Carmen Blanco -luguesa aínda que os seus avós maternos proceden de Ver, parroquia que pertence a Bóveda- será a directora do curso de verán que organiza a USC en Lemos baixo un título ben explícito: Escritoras europeas de culturas minorizadas. Por un lugar libre para as linguas de Lilith. O inicio do mesmo desenvolverase dende o 8 ao 11 de xuño; o prazo de matrícula rematará o 30 de xuño.

-Non foi por casualidade que a USC lle fixera a vostede este encargo, ¿non é?

-Non e por varios motivos. Os meus avós maternos eran da parroquia de Ver, que pertence á comarca de Lemos. E concretamente meu avó, Silverio García Goyanes, non só foi represaliado senón que ao ter que irse para Lugo abriu alí o coñecido Bar Lemos, anque tivo que poñelo a nome da miña avoa, xa que a el non llo permitían. Amais, meu pai era de Chantada, así que os meus lazos non se limitan á comarca de Lemos senón que se estenden a toda a Ribeira Sacra.

-Citou antes ao seu avó Silverio. ¿Que papel desempeñaba na Segunda República?

-En 1936 era capataz de Telefónica; despois, no bando republicano, foi tenente de milicias dun batallón de transmisións.

-Un dos principais cometidos do curso que vai a dirixir na cidade do Cabe será...

-Facer memoria ás mulleres que foron reprimidas despois do levantamento militar de 1936.

-A emotividade destas xornadas acentuarase coa merecida homenaxe á monfortina Consuelo Alonso González. ¿Cre que é ben coñecida a súa historia?

-Non. Hai moitos monfortinos que descoñecen quen foi esta vendedora de xornais de orixe asturiana nin por que a fusilaron en Lugo un fatídico 13 de maio de 1938.

-A voz sentida neste acto, por así dicilo, corresponderá a un poeta moi vencellado a vostede como é Claudio Rodríguez Fer. ¿Por que un home nun curso dirixido fundamentalmente ás mulleres?

-Porque precisamos deles, xa que a liberdade das mulleres implica tamén a liberdade dos homes. Sen iso nacen os conflitos e sae a violencia.

-Entre os moitos escritores participantes para defender outro dos cabeceiros deste curso, o referido ás culturas minorizadas, dúas escritoras pertencen á comarca de Lemos. Explique cal vai ser o seu papel.

-Tanto a narradora monfortina Teresa Moure como a poeta nada na Pobra de Brollón, Olga Novo, participarán na última xornada, dedicada ás escritoras en lingua galega. Tamén estarán Andrés Pociña, Camino Noia e eu mesma.

-Ademais desta, as restantes tres xornadas -dedicadas ás linguas celtas, ibéricas e ás voces acaladas e expatriadas- xuntarán a unha pléiade de creadores onde tamén se inclúe a música. ¿Cal sería a fiada de unión?

-Que todos faremos uso da palabra para reivindicar a liberdade como motor á hora de crear.