«O ideal para aprender a tocar o clarinete sería dedicarlle cinco horas»

LEMOS

Aínda que naceu en Panamá, José Manuel Mosquera González vive na Barrela, en Carballedo. Ten vinte e nove anos e traballa como profesor na Escola de Música de Chantada, onde toca o clarinete.

-¿Cantos anos levas tocando este instrumento?

-Vinte. Empecei na banda de Carballedo.

-¿Ven moi difícil o solfexo os alumnos?

-Teño alumnos entre os oito e os vinte e catro anos. O solfexo non é difícil, ensinándolles ben, aínda que teño que dicir que os alumnos que veñen xa teñen algúns coñecementos de música. Eu ensínolles a tocar o clarinete.

-¿Entraña moita dificultade?

-Ten a súa dificultade, pero con esforzo e constancia obtéñense bos resultados.

-¿Cantas horas habería que dedicarlle a este instrumento?

-O ideal serían cinco de media na etapa de estudante.

-¿Cal sería unha boa idade para iniciarse?

-Aos seis ou sete anos para coller nocións e introducilos; e aos oito para empezar a coller xa un instrumento.

-¿Seica tes pensado dar un concerto proximamente?

-Si, en Carballedo este fin de semana e a actuación será no salón de actos do Concello.

-¿E o próximo onde será?

-O seguinte será en Chantada, xa no mes de agosto, pero de momento aínda estou buscando un lugar.