Calculando a idade dos poboadores paleolíticos

LEMOS

Os restos achados nunha cova de Triacastela están sendo analizados con diferentes técnicas de datación

14 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O proxecto de investigación dos xacementos paleolíticos do sur lucense iniciado no 2006 pola Universidade de Santiago (USC) introducirá este ano unha importante novidade no estudo da prehistoria galega. Por primeira vez en Galicia será posible medir directamente a antigüidade de dous xacementos pertencentes a etapas moi diferentes do Paleolítico localizados nun mesmo lugar. Trátase dos xacementos localizados o pasado verán en Cova Eirós, en Triacastela, que poden propiciar un avance significativo na reconstrución do pasado remoto das montañas lucenses.

En Cova Eirós foi localizado o primeiro xacemento galego do home de Neandertal situado nunha caverna. Estes restos corresponden ao Paleolítico Medio, un período que transcorreu hai entre 300.000 e 30.000 anos. Noutro nivel do terreo apareceron numerosos vestixios encadrados no Paleolítico Superior, hai entre 30.000 e 10.000 anos, que presuntamente proceden de pobacións do home de Cro-Magnon, isto é, da especie humana actual.

O feito nada frecuente de encontrar nun mesmo sitio dous xacementos de épocas moi distintas ofrece un especial interese científico, xa que permite aos investigadores comparar os diferentes modos de vida das poboacións primitivas e a evolución das estratexias de supervivencia e de adaptación ao medio ambiente.

Métodos

Datar con precisión a idade dos diferentes xacementos é básico para unha investigación deste tipo, e iso é que se está a facer actualmente. Para o mes próximo espérase coñecer os resultados dunha análise radiométrica mediante o sistema do carbono 14 que se está realizando nun laboratorio especializado de Estados Unidos. O que se analiza son restos orgánicos encontrados no nivel correspondente ao xacemento menos antigo, o do Paleolítico Superior.

Por outra parte, a finais deste mes ou a primeiros de febreiro levarase a cabo en Cova Eirós unha nova recollida de mostras, neste caso correspondentes ao xacemento do Paleolítico Medio. Para datar estes vestixios non é aconsellable o carbono 14, que non pode determinar a idade dos restos que teñan más de 50.000 anos. Utilizarase polo tanto o método OSL, unha técnica desenvolida nos anos 80 que permite facer datacións de ata 200.000 anos. Os resultados tardarán máis tempo en saberse que no caso do carbono 14, porque este tipo de análise dura varios meses.