Letras con selo de calidade

LEMOS

Cinco autores do sur lucense aspiran aos premios anuais da Asociación de Escritores en Lingua Galega

20 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Cinco autores naturais do sur lucense figuran entre os finalistas dos premios que a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) concede ás mellores obras literarias publicadas cada ano neste idioma. Os socios desta entidade seleccionaron estes finalistas nunha primeira quenda de votacións. Entre estes títulos serán escollidos os ganadores dos premios, que serán entregados nun acto que se celebrará en Santiago o 9 de maio.

A escritora monfortina Teresa Moure e o sarriao Antón Fortes destacan nesta listaxe por contar cada un con dúas obras aspirantes aos referidos premios. Moure é candidata no apartado de ensaio polo seu libro O natural é político -un traballo no que reflexiona sobre o ecoloxismo e os modelos de desenvolvemento- e no de teatro por Unha primavera para Aldara , que xa foi galardoada co premio Rafael Dieste. Pola súa parte, Fortes ten dúas obras - Caderno de animalista e Fume - no apartado de literatura infantil e xuvenil. O segundo destes libros acaba de ser incluído na lista internacional The White Ravens, que cataloga as mellores obras infanto-xuvenís publicadas cada ano no mundo.

No apartado de narrativa, figura entre os candidatos aos premios AELG o escritor e xornalista monfortino Manuel Veiga coa súa obra máis recente, O profesor de vegliota , un relato con ingredientes de novela policial e de ciencia-ficción que reflexiona en clave simbólica sobre a identidade galega.

Por outro lado, o periodista monfortino Xosé Manuel Pereiro e o escritor e crítico literario chantadino Xosé Manuel Eyré foron votados como candidatos no apartados dos premios dedicados ao xornalismo.

Do resto da provincia

Entre os finalistas figuran ademais outros autores cinco autores naturais da provincia. Na sección de literatura infantil e xuvenil, xunto co mencionado Antón Fortes, está tamén o rabadense Xabier P. Docampo, unha das principais figuras galegas deste xénero, pola súa obra O libro das viaxes imaxinarias . O escritor e xornalista lucense Miguel Anxo Murado -colaborador habitual de La Voz- foi votado no apartado de ensaios por Fin de século en Palestina , unha crónica sobre a actualidade de Oriente Medio.

Entre os aspirantes aos premios de poesía están por outra parte a viveirense Ollala Cociña polo seu Libro de Alicia -xa galardoado en Sarria co premio de poesía Fiz Vergara Vilariño- e o lucense Xulio López Valcárcel por A melancolía dos corpos , un título que se suma á súa xa extensa obra literaria.

No apartado de teatro, así mesmo, está entre os finalistas o ribadense Rubén Ruibal Armesto, coautor da peza Fume/Insomnio xunto co cambadés Carlos Losada.