Os realizadores de Contra a morte recolleron cerca de medio centenar de testemuños de persoas que coñeceron persoalmente ao poeta monfortino ou que foron influídas dunha maneira ou outra pola súa obra. Entre elas figuran coñecidos intelectuais e artistas como Manuel Rivas, Antón Patiño, Xavier Seoane ou Miguel Anxo Fernán Vello, pero tamén os seus parentes e numerosos amigos persoais, non sempre relacionados directamente co mundo da cultura. Unha parte das entrevistas foron gravadas en Monforte e nos seus arredores, xa que os autores do filme estaban especialmente interesados en reflectir o entorno e o ambiente en que se moveu Pereiro durante a súa vida e no que se seguen movendo moitos dos que tiveron trato con el.
Algunhas destas intervencións son de persoas que nunca trataron persoalmente ao poeta e súa presenza no documental foi produto do azar. «Cando estábamos filmando en Berlín encontrámonos por casualidade cos membros do grupo musical leonés Sin Red, do que forma parte o poeta Víctor M. Díez», conta a este respecto Iago Martínez. «Resultou que Díez é lector e admirador de Pereiro e convencémolo para que recitase algúns poemas seus nunha actuación que ía ofrecer alí ese grupo. Así que os textos de Lois acabaron por escoitarse nun concerto dirixido a un público berlinés, unha circunstancia que seguramente lle tería gustado moito, dada a súa especial relación con esa cidade», engade.
O filme incluirá tamén unha actuación de O Leo i Arremecághona!!! sobre textos de Pereiro e contará coa colaboración dos grupos musicais 6pm e Nadadora. Por outro lado, o feito de que o segundo disco desta última formación - Hablaremos del miedo - inclúa citas do poeta monfortino débese precisamente á influencia deste proxecto cinematográfico. «Non nos limitamos a gravar testemuños de xente, senón que deliberadamente provocamos algunhas destas intervencións», explica Martínez. «Así conseguimos que a obra de Pereiro se achegase de novo ao mundo da música, do que el se sentía moi cercano, o que non sucedía desde os tempos en que se relacionou con el a través de Radio Océano e de Antón Reixa», agrega.