As moendas volven ao Asma

F. Albo / R. Fernández

LEMOS

Na parroquia chantadina de San Fiz funciona de novo o muíño do Gaio, un dos moitos que existiron na zona

29 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Nunha iniciativa moi pouco común no sur lucense, os propietarios do antigo muíño do Gaio, na parroquia chantadina de San Fiz, acaban de poñelo de novo en servizo para todas aquelas persoas que desexen moer o gran ao estilo tradicional. O muíño, situado no río Asma, anúnciase na cercana estrada LU-533 mediante un letreiro que indica que neste lugar pode moerse centeo, trigo e millo.

O muíño conserva o alcume da casa dos seus fundadores, aínda que posteriormente tivo outros donos. Desde hai uns corenta anos pertence á familia do seu actual propietario, José Fernández López, qun tivo que realizar unha intensa obra de restauración para poñelo novamente en servizo. Non é esta a única reforma que coñeceu o muíño en tempos recentes, xa que hai uns vintecinco anos foi convertido nun pintoresco restaurante.

O muíño conta con tres rodas, pero só dúas delas dedicaranse á moenda, xa que a terceira está reservada para alimentar un xerador eléctrico. Na súa reconstrución foi necesario renovar numerosas pezas, con nomes tradicionais xa case totalmente esquecidos hoxe en día: moxega, aguillón, peneiras, palastro, barrós, rodicios... Foi tamén preciso repoñer unha viga rota que tiña conta do burro ou arnelo, un artiluxio que permite mudar as pedras de moer. José Fernández tivo ademais que construír unha nova canle de derivación da auga, xa que a anterior ficara cegada a consecuencia das obras de reforma da estrada.

Mais todos estes problemas técnicos xa están solucionados e o Muíño do Cego atendido polo seu encargado, Manuel Eiriz, está en condicións de moer de novo o gran como en tempos pasados.