O premio Aresa entregarase o vindeiro 22 de xaneiro, nun acto para o que se anuncian novidades, con fin de celebrar dun xeito especial estes dez anos de andaina.
Nesta edición o xurado estivo composto polo reitor da Universidad de Las Palmas, José Regidor García, e o ex-reitor da Universidade de Santiago e académico da Real Academia Española de la Lengua, Darío Villanueva Prieto, que se sumaron aos membros xa habituais como son o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras. Este recoñeceu que o éxito acadado por este premio superou todas as expectativas creadas coa súa posta en marcha, co cal este décimo aniversario será dun significado especial, ao tempo que dará novos ánimos para celebrar máis edicións. Da firma premiada destacou que o grupo Ingapan é un bo exemplo de como unha pequena panadería familiar da cidade de Lugo pode, mediante o esforzo e a innovación, acometer un proceso de expansión a nivel nacional e internacional.
Senén Barro pola súa parte volveu lembrar que este é un premio convocado conxuntamente pola Universidade de Santiago e o grupo Aresa, unha boa proba da cooperación empresa-universidade nun sector especialmente importante para a comunidade galega como é o do desenvolvemento rural. Tamén recordou que poden ser galardoados tanto persoas, como grupos de investigación ou entidades e que se recoñece proxectos investigadores ou ben traxectorias profesionais. Algo que quedou patente nas edicións anteriores, nas que os premiados foron a industria cárnica Novafrigsa, o profesor e investigador Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos, o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva, a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, o programa televisivo sobre o sector agrario O Agro-A Labranza, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a queixería Casa Macán e a Facultade de Veterinaria de Lugo.
O reitor da USC concluíu dicindo que o premio Aresa non premia a calquera e que a singularidade dos premiados queda demostrada con Ingapan.