A Feira de Amandi entra en Facebook

LEMOS

Crean en Internet un grupo que intenta atraer a 40.000 visitantes a Sober

16 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A popular rede social Facebook serve de base para unha novidosa iniciativa de promoción da Feira do Viño de Amandi cando se aveciña a trixésima edición do certame vinícola máis antigo da Ribeira Sacra. Neste sitio web foi creado a principios do mes pasado un grupo de amigos da feira que ten como único obxectivo animar ao maior número posible de persoas a acudir á próxima edición -entre os días 27 e 28-, coa idea de conseguir que durante esas xornadas pasen 40.000 visitantes por Sober.

A creación grupo, denominado «Feira do Viño de Amandi», tivo unha amplaa resposta entre os internautas. Desde que o seu perfil está activo, sumáronse a esta particular iniciativa 676 personas, moitas das cales deixaron escritos numerosos comentarios. A iniciativa consiste en que cada un dos participantes envíe invitacións a través de Internet a todos os seus coñecidos para recordarlles as datas de celebración da «mellor feira de viño do mundo» e animalos a visitala.

Das persoas que foron convidadas ao festexo a través deste medio, 569 xa confirmaron a súa intención de ir a Sober nesas datas se lles é posible, mentres que outros 600 declinaron a invitación por diversos motivos. Outros 701 convidados aínda non enviaron a súa resposta de confirmación.

O novo grupo de Facebook conta incluso co seu propio cartel anunciador, diferente do cartel oficial da feira. Os creadores e colaboradores do grupo tamén colgaron no sitio diversas fotografías e informacións sobre as pasadas edicións do certame.

A sección de comentarios con que conta este grupo está servindo por outro lado para que numerosas persoas expresen os seu parecer sobre a organización Feira de Amandi. Algúns dos visitantes opinan que o certame non está sendo suficientemente promocionado por toda a comunidade e quéixanse de que a cita non comenzase a ser anunciada con máis antelación. «Ya tendría que estar media Galicia empapelada para promover la feria», apunta un deles a respecto. «Una fiesta de tanto interés y con tan poca promoción, es raro sabiendo que hoy en dia la publicidad es fundamental», comenta outro. Outras opinións fan referencia ao cartel elixido pola comisión organizadora para anunciar o festexo. Hai quen manifesta o seu descontento describindo o cartel como «horrorosamente feo», aínda que matiza que non lle parece mal o debuxo. Outro visitante, en cambio, di que non lle gusta nin o debuxo nin o deseño do cartel. Entre os comentarios dos participantes non falta tampouco algunha alusión á conveniencia de que durante a celebración da feira haxa controis de tráfico nas estradas da zona.