O municipio do Courel acollerá por segunda vez en tres anos os actos centrais do Día das Letras Galegas
14 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Por segunda vez en tres anos, o local multiusos ubicado no edificio da antiga escola de Seoane do Courel acollerá os actos oficiais promovidos pola Real Academia Galega para conmemorar o Día das Letras Galegas. No mesmo lugar onde foi honrada o 17 de maio do 2007 a memoria da poeta María Mariño celebrarase o luns a homenaxe a Uxío Novoneyra, non moi lonxe da súa aldea nativa de Parada, onde ambos escritores pasaron boa parte das súas vidas.
Os actos comezarán ás doce do mediodía cunha sesión plenaria extraordinaria da Real Academia á que asistirán representantes do Goberno galego e doutras institucións. Seguindo a tradición, varios membros da academia glosarán a figura e a obra de Novoneyra nunha serie de discursos. Os elixidos para cumprir este ano esa función son os escritores Manuel Rivas, Margarita Ledo Andión e Darío Xohán Cabana e Manuel González, tesoureiro da institución. A última intervención correrá a cargo do presidente da academia, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín.
O programa comprende ademais unha actividade programada pola Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, na que participarán a poeta Yolanda Castaño e a filla do homenaxeado, Branca Novoneyra, que baixo o título de Tender a man , propoñen unha forma novidosa de comunicar a poesía. Esta actuación comezará sobre a unha da tarde no colexio público de Seoane, que recibirá oficialmente a o nome de Uxío Novoneyra nun acto que pechará as celebración, media hora máis tarde.
O nome de Uxío Novoneyra foi dado tamén a unha ruta de sendeirismo que habilitou o Concello do Courel e que foi inaugurada o pasado día 2.