As rutas ambientais do Courel perderon visitantes

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE |

LEMOS

Os itinerarios do programa Vive ao Natural baixaron dunha media anual de 800 usuarios a 600 desde o 2008

05 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A apertura dunha sala de información ambiental na estación científica de Seoane do Courel incrementará os recursos turísticos relacionados co medio natural da serra, onde nos últimos tempos se percibe unha diminución no número de usuarios das rutas de divulgación da natureza que xestiona a Consellería de Medio Rural. Os dous itinerarios dispoñibles na zona dentro do programa Vive ao Natural, segundo indicaron fontes do mencionado departamento, teñen desde o 2008 unha media anual de seiscientos usuarios, unha cifra que nos anos precedentes chegaba con frecuencia aos oitocentos.

Desde o ano 2005, o referido programa ofrece aos visitantes da serra a posibilidade de facer dous percorridos guiados de xeito gratuíto polo entorno da Devesa da Rogueira e do monte Formigueiros, coa única condición de facer unha solicitude previa. A ruta máis longa, de 15,5 quilómetros, pode ser percorrida en seis horas e media e ten como punto de partida e de chegada o aula de interpretación da natureza de Moreda, pasando polo Alto do Couto e a lagoa de Lucenza, entre outros lugares. O itinerario máis curto -que é tamén o máis solicitado- comeza e acaba no Alto do Couto, ten 10,5 quilómetros de lonxitude e dura en torno a catro horas.

Explicacións dos guías

Os visitantes que se inscriben nestes percorridos son acompañados por educadores ambientais e realizan paradas en diferentes puntos de interese, onde reciben explicacións sobre o o medio natural da serra. Os usuarios poden escoller previamente os aspectos que máis lles interesen que se destaquen nas explicacións proporcionadas polos guías. Os máis solicitados, segundo explican os responsables do programa, son a interpretación da paisaxe, a identificación de flora e fauna e o patrimonio etnográfico.

Os principais usuarios destas rutas son centros de ensino, aínda que tamén poden ser solicitados por asociacións ou por grupos familiares e de amigos.

Os responsables do programa Vive ao Natural non dispoñen de datos que permitan saber por que se rexistra nos últimos anos a citada diminución no número de usuarios destas rutas. Medio Rural tampouco conta actualmente cun rexistro do número de visitantes que pasan pola aula na natureza de Moreda, que é visitada por outras persoas ademais das que toman parte nos percorridos deste programa de divulgación ambiental.