O centro informativo da estación científica non entrará en servizo ata o inicio do novo curso universitario
29 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O punto de información ambiental que a Deputación ten previsto crear na Estación Científica do Courel (ECC) non poderá entrar en funcionamento este verán. Os responsables da iniciativa anunciaron que a apertura do novo servizo -que en principio estaba previsto pór en marcha pouco despois da inaguración da estación, celebrada o 11 de xuño- non se levará a cabo ata que comece o novo curso universitario, entre finais de setembro e principios de outubro.
O aprazamento, segundo explican desde a Deputación, débese a que aínda será preciso realizar certas obras de acondicionamento no local reservado para este uso, ubicado no andar superior do edificio da estación. A creación deste punto informativo -que estará aberto ao público en xeral- encádrase no programa Lugo 02, que tamén comprende a apertura doutras oficinas similares en Guitiriz e A????Fonsagrada. A primeira delas foi inaugurada esta semana e a segunda entrará en servizo a partir de hoxe.
O punto informativo complementará en certo modo a aula de interpretación da natureza, dependente da Xunta, que funciona desde hai anos no inicio da ruta do cercano bosque da Devesa da Rogueira. O espazo onde se instalará, duns sesenta metros cadrados, foi reservado polos responsables da ECC para destinalo a algún uso de carácter social.
O novo servizo será posto en marcha grazas a un convenio entre a Deputación e a Universidade de Santiago, á que pertence a estación científica situada na localidade de Seoane. Segundo adiantaron no seu momento os responsables do organismo provincial, a aula informativa utilizará as novas tecnoloxías e os recursos informáticos para levar a cabo tarefas de divulgación, educación e sensibilización ambiental.