Novidades editoriais de autores do sur lucense

La Voz

LEMOS

26 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A feira monfortina do libro contará este ano coa presenza de dous autores naturais do sur da provincia, o mencionado Xabier Quiroga e courelao Xesús Manuel Marcos, que mañá dedicará exemplares da súa última novela, O esconxurador . Pero no mercado editorial -e probablemente tamén nas casetas da rúa Cardeal- poden encontrarse actualmente outros títulos recentes de escritores destas comarcas, algúns deles publicados no decurso deste mesmo ano.

Entre eles encóntrase a exitosa autora monfortina Teresa Moure, cuxa novela A intervención apareceu hai poucos meses e que o ano pasado publicou ademais Mamá, ti si que me entendes! , a súa segunda achega á literatura infantil, ilustrada por Leandro Lamas.

Lembrando a Novoneyra

Tamén é recente a publicación do último libro do escritor monfortino Antón Lopo, A distancia do lobo , unha biografía novelada do poeta courelao Uxío Novoneyra. Durante este ano apareceron así mesmo os ensaios Uxío Novoneyra revisitado e Uxío Novoneyra, home e terra , do autor chantadino Xosé Lois García, que examinan diversos aspectos da vida e da obra do protagonista do último Día das Letras Galegas. García acaba de publicar ademais Labyrinthus , unha singular peza teatral que recrea a mitoloxía do Camiño de Santiago, da Vía Láctea e do Santo Graal que buscaran os lendarios cabaleiros da Táboa Redonda.

A principios deste ano saíron igualmente ao mercado dous libros de Xosé Lois Ripalda, natural do municipio de Carballedo. Un deles é o ensaio etnográfico Os mil ríos. Cultura e fluvial galega e o outro, Viaxe aos Ancares , unha narración infantil que describe un percorrido pola montaña lucense e a comarca de Lemos.