Chantada, Quiroga e Sober vivirán mañá unha das xornadas máis festivas e devotas do ano
07 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O sur da provincia de Lugo prepárase para unha das súas xornadas máis devota e festeira, a do 8 de setembro. Numerosas romarías se celebran mañá na honra da virxe dos Remedios e de Santa María, algunha delas en Chantada, Quiroga e Sober.
A Nosa Señora do Faro, en Chantada, é unha das máis importante e multitudinarias do sur lucense. Son miles as persoas que dende as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra se achegan á capela, situada no límite entre as dúas primeiras provincias a mil metros de altitude, para venerar á virxe dos Remedios, coñecida popularmente como A Filla.
Ao longo de toda a mañá a capela, ubicada na parroquia chantadina de Requeixo, acolle continuamente misas, a maioría delas no exterior. En Chantada forma parte da tradición subir pola noite ou ao amencer e tamén coller auga na fonte situada nas inmediacións do santuario. Son numerosos os crentes que recorren de xeonllos os últimos catrocentos metros do traxecto ata chegar a Virxe.
Conta a lenda que tres irmás alcanzaron a divindade de santas pola súa bondade cara o pobo, e dedicáronlles un santuario a cada unha delas. Un dos santuarios é o de Monte Faro. O outro é o de Cadeiras, en Sober, que mañá tamén celebra a súa tradicional romaría dos Remedios. É costume que os romeiros queden a comer ao aire libre, despois de presenciar os actos relixiosos, que se suceden ao longo de toda a mañá. No caso de Cadeiras, os festexos comezan hoxe coa subida da Virxe, a quen se lle atribúen numerosos milagres, e coa verbena amenizada pola orquestra Ilusión.
Na xornada de mañá, que será festivo local en Sober, as misas comezarán a primeira hora da mañá, ata as 13.30 horas, que será cando se oficie a misa maior. Pola noite serán as orquestras Compostela e Verano Azul as encargadas da música. Os festexos continuarán ata o xoves, co espectáculo da orquestra Trébol pola tarde e ás 23 horas coa actuación do grupo de folk «A Roda».
A festividade dos Remedios tamén se celebra na parroquia da Ermida, en Quiroga. A súa romaría é un dos festexos de maior interese etnográfico no sur lucense. Unha vez rematada a misa, terá lugar a procesión, na que centos de persoas participan acompañadas polas pampórnigas.
Este ano estes personaxes típicos da romaría da Ermida lucirán máis guapos ca nunca, xa que as caretas veñen de ser restauradas por iniciativa da asociación Souto do Val, encargada de organizar a romaría. Tampouco faltará o meco, que como de costume atacará aos fieis cunha vasoira de toxos e soportará as palmadas que lle dean na caluga. Se o tempo acompaña, en contra das previsións meteorolóxicas iniciais, moitos romeiros quedarán a comer ao aire libre na Ermida, para continuar a festa.