Pastillas

Xulio Xiz

LEMOS

25 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Comentaba o doutor Neira Pampín nunha sesión de divulgación médica organizada por Ancianos del Mundo que eu presentaba, que algúns dos seus pacientes se queixaban de ter que tomar un determinado número de pastillas ao día. E que el, do xeito máis doce posible, viña consolalos dicindo que, grazas a esas pastillas estaban vivos e con boa saúde.

É o xeito perfecto de consolarse diante dunha realidade á que nos van abocando os anos vividos, sendo habitual entre os da miña quinta detallar profusamente as pastillas que cada día temos que tomar para conservar a normalidade das constantes vitais.

Temos asumido que as pastillas coas máis diversas indicacións son un xeito cómodo e beneficioso para compensar carencias ou excesos. E así ven sendo. Aínda que posiblemente haxa outros remedios. Eu comprobeino recentemente cando, canso de repetidas racións pastilleiras para unha frecuente dor de cabeza, substituínas por unha apócema ?bálsamo de tigre? procedente de Oriente, que se supón pertence á medicina tradicional de arraigo milenario nos países por onde nos nace o sol. O resultado foi espectacular.

Para os temas principais seguirei coa miña dieta habitual de pílulas milagrosas, que me vai conservando dentro do razoable, pero para o accesorio ?aínda que a dor de cabeza é difícil considerala como tal? hei procurar alternativas, que posiblemente teñan detrás centos de anos de experiencia, e polo menos, ao ser de aplicación exterior, non andan a xogar coa flora intestinal.