Unha bibliografía que continúa crecendo

La Voz

LEMOS

31 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A finais do pasado ano comezaron a aparecer novos libros sobre a vida e a obra do poeta monfortino e o ritmo destas publicacións continúa crecendo a medida que se aproxima o Día das Letras Galegas.

Entre os libros aparecidos nas últimas semanas destacan varias reedicións dos textos orixinais do propio Lois Pereiro. Por un lado, Edicións Xerais reuniu por primeira vez toda a súa obra poética nun volume, baixo o título de Poesía completa, nunha edición ao cargo de Ana Acuña. Pola súa parte, a editorial Galaxia publicou unha Antoloxía poética que comprende 51 poemas, seleccionados e comentados por Daniel Salgado.

Galaxia editou tamén Náufragos do paradiso, a única novela de Pereiro, unha obra inacabada que aparecera postumamente na revista Luzes de Galiza e que ata agora tivo escasa difusión. Outros textos en prosa do autor monfortino foron recollidos no volume Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia e outros ensaios, publicada por Xerais nunha edición coidada polo escritor Fran Alonso.

Por outra parte, no que vai de ano editáronse varios libros que abordan desde diferentes perspectivas a biografía a obra literaria de Pereiro. Un deles é A palabra exacta (Galaxia), do tamén monfortino Antón Lopo, que o ano pasado publicara unha biografía novelada de Uxío Novoneyra. O escritor Marcos Calveiro é o autor de Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (Xerais), que reúne unha biografía e unha antoloxía. Outra achega neste campo é Lois Pereiro. Vida e obra, de Iago Martínez, editada igualmente por Xerais.

Obra completa en español

Para maio, por outra parte, está prevista a publicación da obra completa de Pereiro traducida ao español por Daniel Salgado, que correrá a cargo da editorial barcelonesa Libros del Silencio. Para esta primavera, como xa anunciou anteriormente, espérase tamén a aparición de Collected Poems, unha antoloxía vertida ao inglés por Jonathan Dunne, tradutor de Manuel Rivas e outros autores galegos.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, asimesmo, fixo un chamamento a todos os seus membros para que colaboren na elaboración dun libro de homenaxe a Lois Pereiro que se editará en soporte dixital e que será distribuído gratuitamente a través da páxina web desta entidade. Os participantes deben enviar as súas colaboracións antes do 10 de abril.