Pereiro, cada vez máis presente

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Os actos dedicados ao poeta multiplícanse na súa cidade natal

07 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Conforme se aproxima o Día das Letras Galegas, as convocatorias dedicadas a Lois Pereiro multiplícanse na cidade natal do poeta. O acto máis recente celebrouse onte ao mediodía no auditorio do centro multiusos e reuniu aos alumnos de terceiro e cuarto curso de ESO dos institutos locais, que mantiveron un coloquio co escritor monfortino Antón Lopo sobre a súa recén publicada biografía de Pereiro, A palabra exacta. Lopo, que coñeceu persoalmente ao poeta, escribiu esta obra baseándose en conversas e entrevistas cos seus familiares e amigos.

O luns, por outro lado, este mesmo local acollerá por segunda vez a representación de Mundo Lois, un espectáculo escénico sobre textos de Pereiro que xa se presentou en Monforte o 28 de abril. Esta vez a representación diríxese de forma específica aos alumnos dos últimos cursos de ESO e do bacharelato e está patrocinada pola Consellería de Educación. Haberá dous pases, o primeiro dos cales comezará ás 12.30 horas e será para os alumnos de ESO dos institutos Daviña Rey, A Pinguela e Río Cabe e dos colexios Escolapios e Ferroviario. Ás 16 horas comezará a segunda función, dirixida aos alumnos de bacharelato dos tres institutos e aos de ESO do colexio Fundación Torre de Lemos.

Para o martes, como xa se anunciou, está previsto celebrar un encontro entre amigos de Lois Pereiro -como o escritor Manuel Rivas, o pintor Antón Patiño e o irmán do poeta, Xosé Manuel Pereiro- e alumnos de bacharelato dos diferentes centros de ensino do municipio. Esta actividade, que comezará ás 11.30 horas, está patrocinada polo Concello e a área de Cultura da Deputación.

Por outra parte, para o martes tamén está previsto en principio o acto de inauguración dunha escultura dedicada ao protagonista do próximo Día das Letras Galegas que se instalará na praza Doutor Goyanes. A obra, de tres metros de altura, está sendo realizada polo artista ourensán Manuel Zapata por encargo do Concello monfortino.

Recital do Club do Viño

Incluso o Club do Viño da Ribeira Sacra renderá homenaxe ao poeta cun acto aberto ao público en xeral que se celebrará do Centro do Viño a partir das oito da tarde do xoves. Haberá unha lectura de poemas de Lois Pereiro e un coloquio sobre a súa obra e a súa figura no que poderán participar todas as persoas que o desexen.

O que falta por saber aínda é a data da estrea da longametraxe documental sobre Lois Pereiro Contra a morte, realizada por Iago Martínez e Alexandre Cancelo. Os autores do filme e a produtora coruñesa IB Cinema, que o financia, manifestaron reiteradamente a súa intención de facer a primeira presentación en Monforte, nun acto que se organizará en colaboración co Concello. Unha boa parte da película foi rodada en Monforte e noutras localidades da comarca e contén entrevistas con numerosos amigos do autor de Náufragos do paradiso.