Un día completo con Lois Pereiro

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Monforte acollerá mañá un maratón de lectura de textos do poeta

13 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A concellería de Xuventude de Monforte organizará mañá unha xornada de homenaxe ao protagonista do Días das Letras Galegas cuxo acto central consistirá nunha longa sesión de lectura pública de textos do poeta. A iniciativa, presentada onte polo alcalde Severino Rodríguez e a concelleira Estrella Formoso, diríxese a todo tipo de público, pero de forma especial aos xoves do municipio «que non chegaron a coñecer a Pereiro», segundo explicaron os responsables municipais.

As actividades comezarán na praza de España ás 11 horas e desenvolveranse durante toda a mañá. Pola tarde reanudaranse ás 16.30 horas e continuarán ata ben entrada a noite. A xornada abrirase cun encontro co escritor Marcos Calveiro, autor da recente biografía Lois Pereiro, náufrago do paraíso, que se dirixe principalmente ao público xuvenil. Seguidamente haberá unha actuación do músico Manu Clavijo, que editou recentemente un disco sobre poemas de Pereiro.

Ás doce do mediodía comezará a lectura de textos, na que participarán membros da corporación municipal, alumnos de centros educativos de Monforte e Lugo e representantes das asociacións Ergueitos (Sarria), e Teenses pola Igualdade (Teo), que convocan respectivamente os premios de poesía Fiz Vergara e María Mariño.

No maratón de lecturas tamén tomarán parte o cineasta e realizador de televisión Luis Avilés -fillo do célebre poeta Antón Avilés de Taramancos-, socios do Banco de Tempo de Monforte e integrantes dos grupos Amárgama, Poetas da Ribeira Sacra e Poetas do Mundo, un colectivo de estudantes universitarios de diferentes nacionalidades.

Música e danza

A lectura dos textos literarios alternarase con actuacións de breakdance a cargo da asociación Vella Escola de Noia, do club de ximnasía rítmica Quicela, da coral e da banda de gaitas do Concello, da asociación Amigos da Pandeireta e do rapeiro García, membro do grupo musical Dios ke te Crew. A última parte da xornada comezará ás 23 horas e consistirá nunha actuación de DJ Cro e DJ Webo, integrantes do grupo musical Cinco Cero Catro, de Santiago.

Durante todo o día, por outra parte, haberá na praza de España exemplares dos libros de Lois Pereiro a disposición do público e todas as persoas que o desexen poderán participar na lectura pública.

O gobernos municipal animou por outro lado aos negocios de hostalería frecuentados pola xente nova a celebrar pola súa conta recitais de poemas ou outros actos dedicados a homenaxear ao poeta.

O Concello, así mesmo, organizará o día 17 un concerto en homenaxe a Lois Pereiro do grupo monfortino Perpetual Twilight que comezará ás nove da noite no anfiteatro do Parque dos Condes. Esta actividade complementará os actos oficiais organizados conxuntamente coa Real Academia Galega, que se levarán a cabo pola mañá na Casa de Cultura.

O alcalde e a concelleira de Xuventude, por outro lado, sinalaron que o Concello de Monforte ten previsto organizar ao longo do ano máis actividades dedicadas a Lois Pereiro que se irán dando a coñecer no seu momento. En opinión de Severino Rodríguez, as iniciativas levadas a cabo ata agora con motivo do Día das Letras Galegas tiveron «unha repercusión importantísima» non só no municipio, senón tamén noutras partes de Galicia.

Presentación en Salcedo

Á marxe dos actos organizados en Monforte, para hoxe está prevista en Salcedo, na Pobra do Brollón, a presentación do libro-disco Oito cancións para oito poemas de Lois Pereiro -editado por Zouma Records-, con música de Alexandro González e as voces de Uxía Senlle, Luís Iglesia, Xosé Luis Rivas Mini, Xabier Deive, Lino Braxe, Julián Hernández e Antón Patiño. O acto comezará ás nove da noite no local multiusos da parroquia.