Nas rúas de Monforte levouse a cabo unha singular teatralización
04 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Numerosos veciños de Monforte asistiron onte a unha peculiar teatralización relacionada coa elaboración do cartel anunciador das próximas festas patronais. A actuación foi ideada e dirixida polo escritor monfortino Antón Lopo, que ten traballado tamén nos ámbitos do teatro, a performance e a creación audiovisual. A representación titulábase A volta do xacio e estaba inspirada nestes personaxes da mitoloxía popular da Ribeira Sacra, uns seres acuáticos que, segundo as lendas, viven nos pozos do Miño no tramo que discorre entre O Saviñao, Pantón, Chantada e Carballedo.
O personaxe do xacio foi interpretado por un modelo non profesional, Jorge Beirán, que en torno á unha da tarde emerxeu das augas do Cabe á altura do Parque dos Condes, vestido unicamente cunha malla e un cinto confeccionado con troitas auténticas, adquiridas por certo nunha peixería local. Ante as miradas asombradas e divertidas dos transeúntes, o impertérrito xacio percorreu a rúa do Cardeal movéndose por entre as terrazas das cafeterías que a esa hora estaban abarrotadas de clientela. Seguidamente pasou pola praza de España, a rúa do Comercio e a praza Doutor Goyanes antes de atravesar o río pola ponte vella. Durante a súa camiñada, sen dicir palabra en ningún momento, fixo algunhas paradas para observar con estrañeza a paisaxe urbana. Xa na outra marxe do Cabe, o xacio deu por terminado o seu paseo terrestre mergullándose de novo no río ao lado da ponte.
O percorrido do xacio polo centro da cidade foi profusamente fotografado e gravado en vídeo, pero estas imaxes -segundo explicou Antón Lopo- non serán empregadas para elaborar o cartel. Para iso utilizarase outra fotografía realizada con técnica de estudo polo fotógrafo monfortino Arcadio Vila.
Unha imaxe mítica
A actuación, engade Lopo, tiña ante todo o obxectivo de familiarizar os veciños coa imaxe do xacio para que a poidan recoñecer cando se edite o cartel das festas patronais, o que se fará probablemente a finais deste mes. «Trátase tamén de vincular ao moderno acervo cultural de Monforte esta imaxe mítica tomada das vellas lendas da Terra de Lemos mediante unha intervención que pretende combinar en certo modo a tradición e a vangarda», apunta a este respecto o escritor.