Os expertos destacan o especial interese ambiental do entorno do río
30 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A xornada de observación da biodiversidade organizada o sábado en Monforte polos colectivos de naturalistas Saramaganta, Drosera, Hábitat e Numenius e a Asociación Galega de Custodia do Territorio serviu para facer un pequeno balance do estado ambiental do tramo urbano do río Cabe e do seu entorno. Aínda que o obxectivo principal era observar as poboacións locais de libélulas, os participantes tamén tomaron nota doutros aspectos e sacaron a súa propia impresión sobre a saúde ecolóxica da zona, que experimenta unha forte variación segundo os lugares.
Segundo explica Martiño Cabana, organizador do excursión, o que quedou claro é que o estado ambiental do Cabe é moi diferente no tramo ubicado augas arriba do casco urbano e no situado augas abaixo. «Antes de entrar na zona urbana, o río presenta un estado bastante satisfactorio, aínda que a zona non está demasiado coidada -comenta-, pero augas abaixo hai unha contaminación moi forte e nótase incluso en que o río cheira moi mal en certos sitios».
A diferenza no estado de degradación ambiental entre estas dúas zonas, apuntan os naturalistas, percíbese claramente no número de especies animais que é posible observar en ambos tramos. «Na zona de Ribas Altas, por exemplo, pódense ver ata oito ou nove especies de libélulas nun pequeno treito, mentres que por debaixo da área urbana, nun espazo similar, ese número se reduce a tres ou catro», comenta Cabana.
Os participantes no percorrido puideron comprobar que as zonas mellor conservadas do río presentan unha notable riqueza biolóxica. Durante a xornada puideron catalogar 25 especies de libélulas e observar importantes poboacións de aves como o martiño peixeiro e o merlo acuático. Non obstante, nestas zonas tamén se percibe a presenza de especies invasoras como a tartaruga de Florida, o cangrexo americano, a perca negra, a mimosa e a árbore Ailanthus altissima.
Especies ameazadas
O percorrido do pasado sábado pasou tamén polas pequenas lagoas das Lamas, un espazo que para os organizadores da xornada ofrece un especial atractivo. «É un lugar moi interesante porque na zona de Monforte praticamente non existen humidais e porque concentra un número importante de especies animais e vexetais», afirma o organizador. Estas charcas albergan unha das escasísimas poboacións galegas do sapo de esporas (Pelobates cultripes), que hoxe só está presente en catro puntos do interior da comunidade. Neste lugar vive tamén a rela ou estroza, tamén chamada ra de San Antón (Hylas arborea). Estes anfibios, así como varias libélulas presentes na zona, figuran nos catálogos de especies ameazadas.