Adeus, filósofoLa estatua de la matrona en la Plaza de Avilés

Rubén EyréLeandro

LEMOS

04 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

As obras de José de la Colina e as do filósofo Adolfo Sánchez Vázquez están recoñecidas e prestixiadas no mundo enteiro, agás en España. Non deixa de ser curiosa esta estraña relación que manteñen os «doutos» da musa de Góngora cos escritores nados no Estado español e exiliados en México.

Colina naceu en Santander en 1934. Ao rematar a guerra civil española os seus pais tiveron que marchar. Dende 1940 vive en México. Sente un especial cariño pola súa terra natal, pero considérase un escritor mexicano. Ten as súas razóns. Xa que sendo un dos mellores prosistas de México -dito por Octavio Paz-, nunca os «cultos españois» foron xustos con el. Galicia, con algunha excepción, mostrou mellor sensibilidade cos seus fuxidos. Repárese no caso de Lorenzo Varela, poeta orixinario de Monterroso, Lugo, a quen lle concederon o día das Letras Galegas no 2005.

En terras mexicanas, Lorenzo Varela e o filósofo Adolfo Sánchez (Algeciras, 1915) fundaran a revista Romance. Quizais Sánchez sexa un dos pensadores máis importantes que deu o século XX. Contraposto aos dogmas estalinistas e ás ideas de «rusiciar» o planeta, rompe co «socialismo real» nos intres en que as tropas do Pacto de Varsovia anegan Checoslovaquia. Torna así ao verdadeiro Marx, artellando un pensamento creativo, rebelde e fresco, con achegas trascendentais á ética marxista. Hai uns días que finou en México, silenciado na España. Morreu dicíndonos que o exilio é unha ferida que nunca cicatriza. Habería que preguntarlles ás personalidades da cultura española o porqué destes esquecementos.