«Limpeza de sangue» é unha reflexión irónica e amarga sobre asuntos de actualidade
02 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Non é doado condensar unha función de máis de dúas horas no breve espazo da crítica dun xornal. Tamén Rubén Ruibal, autor dun texto a miúdo defenestrado nos faladoiros como «demasiado longo», «máis cinematográfico que teatral» ou «copia», comeza escusándose. Dinos que en Limpeza de Sangue intentou imitar «malamente» ao mestre Vidal Bolaño. Pero non é certo. A súa obra comparte trazos temáticos e estilísticos coa de Roberto Vidal Bolaño, home de teatro total e autor dunha das producións máis senlleiras da nosa escrita dramática. Ningún deles foxe do seu tempo, falándonos de realidades próximas, como a precariedade laboral (Fume, Estaleiro Editora) ou os absurdos da vida moderna (Animaliños, Follas novas). Non é azaroso que Roberto Vidal chamase á súa segunda compañía Teatro do aquí. E tampouco foxen da polémica, como neste caso, denunciando a especulación urbanística, o pago de favores ou a diferenza de clases. Furgan na ferida pero facendo rir. Iso si, un riso cruel e acedo, nunca compracente.
Unha ollada persoal
Á marxe de todo iso, en Limpeza de sangue descubrimos a un autor con mirada propia, persoal, que se manexa con soltura nun territorio que el mesmo define como a «Coruña do bum inmobiliario». Ruibal, que conta no seu currículo con dous premios nacionais (Álvaro Cunqueiro e María Casares) e un estatal, retrata con acerto a toda unha galería de personaxes urbanos que gravitan ao redor dun hospital. Os protagonistas son Fernando, un rapaz humilde cun pasado marcado pola adicción, e Pantaleón, enriquecido grazas a unha trama de certificacións ilegais; os dous unidos pola doenza nunha sala de hemodiálise. Nese lugar inesperado, á marxe da corrupción de construtores, médicos e policías -ninguén fica impune- , forxan unha amizade por veces entrañábel, que talvez sexa o maior acerto da peza. Deles, sobre todo de Fernando, son algunhas das mellores liñas do texto. Como cando di que o que lle cómpre ao mundo é unha diálise para limpar toda a merda que producimos. Ou cando Pantaleón rexeita un libro por ser teatro, e en galego, e o outro respóndelle que «todas as letras son iguais». O libro é Doentes, gañadora do VII Premio Rafael Dieste. Recoñezo a capa do libro desde a miña butaca, na fila seis, e sorrío ao decatarme da homenaxe ao mestre.
Posta en escena complexa
A montaxe de Limpeza de sangue correu a cargo de Espello cóncavo, unha compañía que quere apostar polos textos críticos e de autoría galega. A posta en escena é certamente complexa, cunha escenografía versátil e de aparencia austera -asinada polo veterano Rodrigo Roel- que semellan «caixas chinas» que alternativamente ocultan e deixan á vista os espazos da historia. Esta complexidade obriga a un traballo de dirección medido e coreografiado, que permita aos intérpretes pasar rapidamente dunha situación a outra. De feito, a destreza coa que se executaban os cambios foi motivo de máis dunha exclamación no patio de butacas.
Na interpretación destaca o traballo do vasco Sergio Zearreta, que encarna a un rapaz tenro e desaliñado con quen o público se identifica facilmente. En xeral, os personaxes están xogados con acerto e, malia non ter tempo nin peso como para seren desenvolvidos en profundidade, resolven sen estereotipos. Trama e motivacións están expostas con claridade e, mesmo a pesar da duración da montaxe, o público mantivo o interese até o final. Mesmo os espectadores máis novos, o alumnado do IES Río Cabe, que tivo a oportunidade de ter unha visión ben diferente da que lle mostran outros medios.
(eva_ferreira74@yahoo.co.uk)
crítica teatral «Limpeza de sangue»