Cibrán coñece a Lola en Abral

Carlos Cortés
CARLOS CORTÉS CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Alfredo Pardo presenta unha nova curta baseada no cómic «Roberta»

28 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cibrán é un neno de 11 anos ao que lle acaba de morrer a nai. Para que se anime un pouco, seu pai envíao ao pazo no que os seus tíos traballan como caseiros. É o arranque argumental de Lola, da nova curtametraxe do chantadino Alfredo Pardo, autor tamén de Punto final (1999), O labirinto ario (2008) e Garabolis (2010).

A película basease no cómic Roberta, no que o francés Max Cabanes conta o espertar dun neno granxeiro á sexualidade da man da filla dun matrimonio de xornaleiros. «Tratamos de respectar o máximo posible a historia do cómic, adaptando a historia cun guión técnico e un storyboard e estudando as localizacións ao milímetro», conta o director. Lola está gravada no Pazo de Abral, en Quinteliña e os Queixeiros, todas localizacións de Chantada. A curta, explica Alfredo Pardo, tenta «reflectir os pensamentos e o espertar do amor nun neno na Galicia interior».

A historia transcorre nos anos sesenta, e os actores encargados de darlle vida son o neno Darío Loureiro, Mela Casal, Fernando Morán, Uxía Blanco, Miro Magariños, Adelaida Vidal e Adelaida Puyol. Ademais, Carlos Blanco pon a súa voz como narrador en off. No equipo técnico interviron César Seijas, como director de fotografía; Daniel López, de Mandeo Records, como xefe de son; as scripts Ana ortega e Marisa Otero; e a maquilladora Ana Vera. O músico Sergio Pena compuxo a banda sonora, que remata nos créditos finais coa canción Dolores se llamaba Lola, de Los Suaves.