Un amplo estudo reconstrúe a historia do antigo señorío taboadés
24 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Vinculado por matrimonio á terra de Taboada, o historiador coruñés José Luis Díaz-Castroverde Lodeiro xa publicara hai anos un estudo sobre o antigo señorío da casa de Sonán. O sábado presentou unha nova obra, Morgados e xurisdiccións na terra e condado de Taboada, que recibiu o premio de investigación histórica Condado de Pallares. Aínda que trata sobre a historia dos señores de Taboada, o autor puntualiza que non se trata dunha historia local nin un estudo de tipo xenealóxico.
-¿Cal é o obxectivo principal desta obra?
-O que pretendín foi facer un estudo sobre os morgados e as xurisdiccións, dúas institucións características do Antigo Réxime, e sobre as súas relacións coa monarquía en diferentes etapas da historia. Quixen que a obra tivese un carácter moi didáctico e servinme da historia do señorío de Taboada como laboratorio, por así dicir, porque a historia destas institucións pode entenderse moito mellor se a explicamos a partir dun caso concreto. Non é unha historia puramente local, porque fala de institucións moi importantes na historia de Galicia e de España e porque a familia dos Taboada tivo un papel destacado en moitos acontecementos que trascenden a historia desta comarca, como a conquista de Granada, a guerra de independencia de Portugal ou a Guerra de Sucesión.
-¿En que consistían os morgados e a xurisdiccións?
-O morgado -o que se chama mayorazgo en castelán- era un sistema hereditario que impedía que as familias fidalgas dividisen ou hipotecasen as súas posesións. Fixo posible que se formasen patrimonios estables que podían ampliarse mediante casamentos ou doazóns e que se acumulasen grandes fortunas. As xurisdiccións eran divisións administrativas mediante as cales o rei concedía a unha familia o goberno dun territorio. Os señores dunha xurisdicción encargábanse de recadar os impostos, administrar a xustiza... Chegaron a funcionar como pequenos estados autónomos. Cando coincidía a posesión dun morgado co señorío dunha xurisdicción, como no caso dos Taboada, a familia que gobernaba ese territorio podía servirse dos mecanismos administrativos da xurisdicción para acumular máis riqueza. Como controlaban o aparello xudicial, podían presionar aos morosos que non lles pagaba as rendas cando estaba estipulado e impedir que se fosen acumulando os tributos sen cobrar, algo que era bastante común cando os señores non dispuñan dese poder.
-¿Que extensión tiña o territorio que dominaban os Taboada?
-Variou bastante segundo as épocas, pero en todo caso foi bastante máis extenso que o do actual municipio de Taboada. No século XVIII, cando alcanzaron o apoxeo, as súas posesións estendíanse por varias provincias. O centro destes dominios estaba ao principio na fortaleza de Castro Candaz, en Chantada, pero a partir do século XV pasou á actual parroquia de San Pedro de Bembibre.
-¿Como foron as súas relacións cos monarcas?
-Mantiveron un nivel de colaboración importante cos reis ao longo de todo o período que estudo no libro, que vai do século XV ao XVIII. Esta familia contou con personalidades militares que prestaron importantes servicios á coroa e souberon sacarlles partido. Xa en tempos dos Reis Católicos tiveron un papel relevante na guerra de Granada. Membros desta familia foron mestres de campo, un cargo militar importantísimo. Outro foi vicerrei de Navarra... No século XVIII, co reinado dos Borbóns, a relación foi máis difícil, porque estes monarcas intentaron establecer un goberno máis centralizado e reducir o enorme poder que tiñan as xurisdiccións.
-¿E cos condes de Lemos?
-Nese aspecto hai un caso moi significativo, o de Juan de Taboada, que acompañou ao conde Pedro Fernández de Castro a Italia cando foi nomeado vicerrei de Nápoles. O conde encargoulle o goberno da provincia de Catania, que tiña unha poboación moi levantisca e conflitiva nesa época.
josé luis díaz-castroverde historiador