Vilaescura vivirá momentos de terror o mes próximo

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Vivenda de Vilaescura, caracterizada de clínica abandonada, onde será rodado o filme.
Vivenda de Vilaescura, caracterizada de clínica abandonada, onde será rodado o filme. amanita films< / span>

A produtora monfortina Amanita Films rodará en Sober a súa nova obra

29 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A parroquia soberina de Vilaescura é o lugar escollido pola produtora cinematográfica monfortina Amanita Films para a súa primeira incursión no xénero do terror psicolóxico. A mediados do mes próximo levarase a cabo nesta localidade a filmación de Deil, a cuarta curtametraxe producida por esta empresa, que pretende con ela abrirse paso en novos mercados máis accesibles a este tipo de obras.

O filme será dirixido polo cineasta asturiano David Rodríguez, que tamén realizou Un cobarde, outra película da produtora rodada o ano pasado en Monforte e na Pobra do Brollón. Segundo explica o produtor Iván Patiño, principal responsable de Amanita Films, o novo filme -ambientado a principios dos anos noventa- encádrase nun xénero «en principio moi vendible», polo que a empresa espera encontrar distribución en diversos países, especialmente en Estados Unidos.

A filmación levarase a cabo en grande parte nunha vivenda de Vilaescura, propiedade da familia de Patiño, que reúne as características requeridas para servir de escenario a esta produción, baseada nunha historia orixinal do guionista Jesús Santos que o director David Rodríguez axudou a redondear. Na película, a casa converterase nunha clínica psiquiátrica abandonada que un dos seus responsables, o doutor Valmonte, visita un día buscando o rastro dun antigo paciente desaparecido.

Escenarios locais

Con esta nova produción, Amanita Films segue apostando por rodar en terras do sur lucense, onde tamén foron filmadas as súas tres obras anteriores. «Aquí temos escenarios adecuados para facer todo tipo de películas, que ata agora foron moi pouco utilizados na industria audiovisual, e nós queremos seguir rodando nesta zona para aproveitar ao máximo todo este potencial», sinala Patiño a este respecto.

A produción máis recente da empresa é a curta Birthday, dirixida por Ana Lambarri sobre un guión de Nerea Dolara, que está actualmente en fase de posprodución. Este filme foi rodado en Monforte o pasado xuño e aínda que a acción decorre na súa maior parte en interiores, algunhas escenas foron gravadas na rúa Cardeal. A mencionada película Un cobarde foi filmada no 2011 no barrio monfortino de San Vicente e nas adegas centenarias de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón. A rodaxe da primeira produción de Amanita Films -Esliva, dirixida por Lois Patiño- levouse a cabo no 2010 na Serra do Courel e na parroquia soberina de Doade.

A empresa, por outra parte, ten previsto rodar en Monforte unha parte da súa próxima produción, un documental sobre o célebre pintor Urbano Lugrís para o que tamén se buscaron xa outras localizacións na Coruña e Vigo.