Nas xornadas estreranse dous filmes rodados recentemente na provincia
09 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O cineclub A Calexa apostará polos filmes producidos na comarca de de Lemos e na provincia de Lugo na duodécima edición da súa mostra cinematográfica, que se celebrará entre os próximos días 12 e 20. Dentro deste ciclo, o día 16 estará dedicado exclusivamente á proxección de obras recentes que teñen en común o feito de ter sido filmadas neste territorio. A maioría delas, ademais, proxectaranse por primeira vez na pantalla grande.
Esta sesión, como o resto da mostra, desenvolverase nos multicines Hollywood. Neste caso, as proxeccións comezarán ás oito e medio da tarde, nun horario máis temperán que o das demais xornadas. Por unha parte, estrearase a curtametraxe Birthday, realizada pola directora vasca Ana Lambarri e interpretada por Beatriz Nieto e Marteen Dannenberg. Aínda que nin a directora nin os actores teñen unha relación directa coa comarca, o filme foi rodado integramente en Monforte -o pasado xuño- e producido pola firma local Amanita Films.
No mesmo día está previsto proxectar outra curtametraxe desta produtora, Un cobarde, rodada o ano pasado en Monforte e A Pobra do Brollón, dirixida polo realizador asturiano David Rodríguez e protagonizado polo actor Borja Luna. Así mesmo, exhibirase un tráiler de Deil, a nova produción de Amanita Films, dirixida tamén por David Rodríguez, que foi rodada a mediados de outubro na parroquia soberina de Vilaescura.
Outra proxección programada para esa xornada é a da curta Fame, dirixida polo realizador e fotógrafo monfortino David Valcarcel e interpretada polo actor -tamén monfortino- Mario Roldán. O cineclub xa tiña provisto exhibir esta fita na mostra do pasado ano, pero a proxección non se puido levar a cabo por problemas técnicos.
Dobre presentación
A xornada completarase coa estrea da mediametraxe Pecados, da produtora lucense Cool Films, dirixida por Luis Noriega e rodada en Vilalba e A Coruña. O filme estrearase de forma simultánea en Monforte e Lugo.
Á sesión asistirán representantes dos equipos técnicos de todos estes filmes, que manterán un coloquio co público.