Un precursor da divulgación do patrimonio da Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

A asociación Amigos do Románico da Comarca de Chantada homenaxeará o día 25 ao escritor Nicanor Rielo

02 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación Amigos do Románico da Comarca de Chantada organizará o día 25 en Carballedo unha homenaxe pública ao escritor e sacerdote Nicanor Rielo Carballo -falecido en marzo do 2000-, autor dunha grande cantidade de traballos sobre o patrimonio histórico e cultural do sur lucense. O escritor chantadino Xosé Lois García, membro da asociación organizadora, resalta o papel de Rielo como «un dos precursores da divulgación do patrimonio románico da Ribeira Sacra» e sinala que «aínda que non era un especialista en historia da arte, axudou a que estes monumentos fosen moito máis coñecidos e contribuíu dunha maneira importante á súa conservación».

Nado no municipio de Pol en 1932, Nicanor Rielo ordenouse sacerdote en 1957 e licenciouse en ciencias sociais no Instituto Social León XIII de Madrid. Despois dunha curta temporada como párroco en Folgoso do Courel, foi destinado como capelán ao poboado da central hidroeléctrica dos Peares. Durante os últimos corenta anos da súa vida residiu en Carballedo e Pantón, compaxinando o seu labor sacerdotal co estudo a difusión do patrimonio da zona.

Entre os diversos libros que publicou Nicanor Rielo figuran Escolma de Carballedo e A romaxe do Faro, aparecidos respectivamente en 1976 e 1978. O primeiro é unha colección de cantigas, narracións, adiviñas e refráns populares recollidos polo propio autor no municipio de Carballedo. O segundo reúne unha serie de lendas, cantares e notas históricas sobre a popular romaría chantadina. En 1976 tamén apareceu o seu libro San Vicente de Pombeiro, un estudo histórico sobre esta parroquia de Pantón e a súa igrexa románica. García sinala que todos estes libros están hoxe en día «esgotadísimos» e suliña o interese que podería ter a súa reedición.

Máis de mil artigos

García apunta que tamén sería conveniente reunir e reeditar os numerosos artigos divulgativos -máis dun millar- que publicou Nicanor Rielo ao longo da súa vida en diversos xornais galegos e en revistas como Cuaderno de Estudios Gallegos, Lucensia, Encrucillada e Kilovatio, esta última editada por Unión Fenosa. Moitos destes escritos, hoxe de difícil acceso, están dedicados ao patrimonio monumental, arqueolóxico e etnográfico da Ribeira Sacra.