O quinto Cume Tapas preséntase como un «concurso anticrise»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Os negocios participantes porán as súas tapas á venda entre os próximos días 11 e 26.
Os negocios participantes porán as súas tapas á venda entre os próximos días 11 e 26. Alberto lópez< / span>

No certame gastronómico monfortino participarán 32 negocios de hostalería

04 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A actriz Ana Santos, coñecida especialmente pola súa participación na serie televisiva Padre Casares, exerceu de madriña do quinto concurso gastronómico Cume Tapas, presentado onte nun acto celebrado onte pola tarde no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte, en presenza de numerosas persoas. No certame, que se desenvolverá entre os días 11 e 26, tomarán parte 32 locais de hostalería do municipio. Doce hoteis e casas de hospedaxe de Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao, Chantada e Taboada colaborarán na iniciativa ofrecendo tarifas especiais durante ese período.

Cheché Real, presidente da asociación provincial de empresas de hostalería -que promove o certame- presentou a iniciativa como un «concurso anticrise», sinalando que nesta ocasión todas as tapas terán un prezo único dun euro. Na anterior edición, os negocios participantes tiveron a opción de establecer os seus propios prezos, algúns dos cales superaban os dous euros. Esta vez, ademais, cada local presentará unha única tapa ao concurso «para que os clientes teñan ocasión de probalas todas», engadiu Real.

Como nas edicións precedentes, as tapas presentadas ao certame serán valoradas por un xurado profesional, formado esta vez polos chefs Quique Rodríguez, Marián Rodríguez e Francisco Jiménez e o sumiller Bruno Lobelle. O público terá tamén a oportunidade de votar polas súas tapas favoritas, cubrindo unhas cartolinas que lles darán a opción de participar nun sorteo de tres viaxes.

Catro premios

As bases do certamen establecen que se concederán catro premios que corresponderán respectivamente á mellor tapa tradicional, á mellor tapa creativa e ás mellores maridaxes con viños da Ribeira Sacra e con queixos Marqués de Cernadas.

O concurso conta co patrocionio do consello regulador da denominación Ribeira Sacra, a Deputación e a Xunta, e coa colaboración do Concello de Monforte, así como de diversas empresas.

O Cume Tapas é unha das dúas iniciativas de tipo gastronómico que promove actualmente en Monforte a asociación provincial de hostaleiros, xunto coas xornadas Estase Cocendo, dedicadas á promoción do cocido como prato típico.