«O meu soño é poder seguir adicándome á isto en Galicia»

katia armesto MONFORTE/LA VOZ

LEMOS

Miguel Villar

A obra colorista de Cristina de Padua nada na abstracción orgánica

16 jul 2013 . Actualizado a las 19:15 h.

A pintora ourensana Cristina de Padua ten o seu estudo en Domiz (A Pobra do Brollón). Nestes momentos, expón a súa obra «De Padua» no Museo Municipal de Ourense, ata o 1 de setembro.

-¿De onde nace a obra de Cristina de Padua?

-Nace da miña vocación polo visual. Considérome autodidacta dende a infancia. A miña obra en conxunto é o resultado da observación, do logro da abstracción das formas da natureza, do uso da imaxinación como chave para dar forma a uns elementos iniciais.

-¿Como definiría á súa obra?

-A liña na que eu traballo é a da abstracción orgánica. Un dos pilares é a sinxeleza dos elementos, a beleza dos materiais, das texturas, das cores. Constrúo as bases con graffiti e a area e terra con fósiles son elementos que se poden atopar nos meus cadros. É unha intrusión nun mundo natural deformado pola abstracción dunha mirada, a miña.

-¿Cal é o seu lugar de inspiración para traballar?

- A miña cidade é Ourense, pero o meu retiro é Domiz, en A Pobra do Brollón. Alí teño un estudo no que traballo sobre imaxes reais e naturais daquel entorno. ¡É un entorno tan rico! Cidades de Portugal, paisaxes de O Courel e a fascinante Barcelona tamén deixaron pegada na miña retina e están dalgunha maneira retratadas nas miñas obras. Cando estou lonxe inspíranme as fotografías feitas polo meu pai.

-¿Cal é a mensaxe que quere transmitir coa súa obra?

- Cando pinto, non o fago con ningunha pretensión. A miña linguaxe é unha linguaxe íntima e que obviamente comunica e transmite, pero simplemente persegue a fascinación do espectador, que lle resulte chamativa e que nel inspire novas emocións non antes experimentadas.

-¿Cales son os seus plans de futuro a nivel artístico ?

- O meu propósito é ir movendo a obra por diferentes cidades namentres continúo creando. O meu soño é poder seguir adicándome a isto e en Galicia, fiel ás miñas orixes e preto dos meus. Vivo da miña paixón e nunca tiven ambición por acadar a fama.

cristina de padua, pintora gallega