Sábado de romanos e rockeiros

K. ARMESTO / C.C MONFORTE/ LA VOZ

LEMOS

Na fin de semana,Festival do Castro e dúas festas de época en Quiroga

14 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Para aqueles aos que as festas de Monforte lles soubesen a pouco e para os que botasen en falta que ningún dos días cadrase a sábado. Están de sorte, pois o mes de agosto non repara en celebracións. Sen deixar tempo para tomar un respiro e tras o último día das patronais, agardan romanos e festivaleiros dispostos a que a festa non remate.

En Ferreira de Pantón, o Festival do Castro volve á carga este ano, o día 17. O festival, posto en marcha pola asociación cultural O Castro, mantén tanto a entrada como a zona de acampada gratuítas. A xornada festivaleira comezará ás 11:00 horas coa apertura dos postos de artesanía. Deseguido, a Liga Gaiteira Galega amenizará a sesión vermú para dar paso ao xantar popular das 14:00 horas. Un xantar que reúne a veciños e visitantes arredor da empanada, a carne ao caldeiro e a torta do Castro. No momento dos chupitos de licor café, a Ce Orquestra Pantasma entrará en escena. Tras o xantar, a tarde con obradoiros de pintura e globoflexia, queda reservada para os máis novos, que tamén poderán participar nun circo con malabares e dun teatro cargado de humor. Para a noite, a oferta de concertos abrangue dende os grupos galegos: Zurrumalla, RuxeRuxe e O Sonoro Maxín; ata os valencianos Tashkenti que combinan os ritmos africanos cos dos Balcáns. Os máis incansables recibirán á mañá coa música dos pinchadiscos DZ!Seletors e Sergio RV dj.

Desfile de romanos

Na mesma fin de semana, en Quiroga revivirase a invasión romana. Baixo o lema «Montefurado MMXIII, Terra de romanos», o sábado haberá unha marcha a pé dos lexionarios polas beiras do Sil, dende Montefurado ata a Boca do Monte. Un xantar romano, un xogo de rol e unha demostración de acuñación de moedas entreterán pola tarde aos asistentes, que terán un segundo día de festa o 18.

Margaride do Lor, outra aldea de Quiroga; tamén recibe aos romanos este sábado na súa terceira edición da «Festa do Ouro». Terán misa en latín e xantar con polbo e churrasco. Xa pola noite, o dúo Ébano será quen faga bailar a masa romana e castrexa do lugar.