Dúas festas de época e catro romarías para a fin de semana

k. armesto / c.c MONFORTE/ LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Este sábado dous festexos etnográficas e para o domigo, un gran abano de romarías

06 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

No mes de setembro, recén rematadas as festas de verán cunha intención máis lúdica, comezan a brotar as romarías por toda a comarca cun espírito máis relixioso. Do mesmo xeito, este sábado conflúen dúas festas ancestrais de culturas diferentes, por un lado a castrexa, que dende máis de dous mil anos facía o seu ritual da queima das fachas; e por outro lado a xudía, que celebraba a festa do Sukkot para agradecer os bos resultados das colleitas.

sábado

Festa da Xudería de Monforte

Este sábado celébrase en Monforte a Festa da Xudería dende as 10:00 ata ás 22:00 horas. O ambiente festivo prenderá nas rúas Falagueira, Pescaderías e Zapaterías. A festa acollerá a 19 artesáns e artesás que farán demostracións dos seus oficios. Poderanse atopar traballos de coiro, tecidos, vidro, alfarería, cestería, xoiería, pintura, madeira, cantería, vimbio, olería, xoguetes e metais.

Un minibús gratuíto estará á disposición dos asistentes -de 10:30 a 13:30 e de 17:00 a 21:00 horas-, facendo unha ruta circular que pasa polos lugares máis significativos da cidade. Para máis animación, un grupo de teatro a cargo de Eva F. Freixeira recreará costumes da cultura xudía. Como en calquera festa, o elemento gastronómico xoga un papel importante, e durante toda a festa haberá postos de comida e bebida da cociña sefardí. Algúns bares, restaurantes e pastelarías de Monforte ofrecerán as súas propostas a degustar durante toda a fin de semana, dentro do programa «Sabores de Sefarad». Ademais de todo isto, o historiador Felipe Aira fará catro visitas guiadas á xudería. Estas serán ás 11:00, 12:30, 17:30 e 19:00 horas, tendo como punto de partida a antiga sinagoga da rúa Falagueira e como punto final do percorrido a Praza de España.

Festra Castrexa e Queima das Fachas de Castelo en Taboada

O sábado é día de castrexos en Taboada. Este ano lévase a cabo a primeira festa castrexa, que dende as 10:30 horas amenizará a Alameda. Haberá música tradicional, de gaitas, pandeiretas, postos de artesanía e unha exposición dende as 11:00 ata as 20:00 horas da cultura castrexa e romana con mostras de vestiario, xoias e cerámica, entre outras cousas. Tamén o grupo Terra Copora traerá unha demostración de xogos da época para nenos e adultos. Os asistentes á festa poderán reenganchar coa queima das fachas que se celebra en Castelo: Ás 20:00 horas sairá de Taboada unha camiñada ata o castro de Castelo, onde unha cea e máis música agardan para continuar a festa. Ás 00:00 horas queimaranse as fachas que arrodean o castro, continuando a tradición que os veciños levan conservando dende hai moitos anos.

DOMINGO

Romaría do Faro en Chantada

O domingo terá lugar unha das festas relixiosas máis importantes da provincia de Lugo. Cada ano, son moitos os fieis que suben o monte do Faro de Chantada para venerar a figura da Virxe do Faro. Fano camiñando, descalzos ou axeonllados por un camiño de terra que conduce ao santuario que se atopa na cima do monte. Unha vez alí, os fieis rezan, agradecen e fanlle ofrendas á Virxe. Ás 13:00 horas, sacan a ombros á Virxe para celebrar a misa central da xornada. A parte máis gastronómica desta romería esta nos postos de polbo e churrasco, onde os fieis poden seguir as misas mentras comen, a través da megafonía instalada en todo o monte.

Romaría de Cadeiras en Sober

En Sober este domingo ten lugar a romaría relixiosa que rende honra á Virxe de Cadeiras. Durante toda a mañá, no santuario Nosa Señora de Cadeiras -construído no século XVIII-, celebraranse varias misas rezadas á que lle seguirá un oficio solemne de mediodía. Tras estas misas, unha sesión vermú acompañada de música animará aos fieis á festa.

Romaría da Ermida en Quiroga

Na romería que se celebra na Ermida na honra á Nosa Señora dos Remedios mestúrase o relixioso co etnográfico. Aínda que o principal da festa é a veneración á Virxe a través dunha cerimonia relixiosa, esta está condimentada cun toque moi humorístico e popular. Ao contrario que en case todas as festas galegas, nesta faise primeiro a procesión e despois a misa. Na procesión popular, dúas pampórnigas -parella de xigantes- e un meco -personaxe diabólico cunha escoba de toxos- van animando aos fieis. Acompaña unha música de gaitas mentres que o meco pretende impedir o paso á igrexa pouco antes de chegar a ela. Tras a procesión, lévase a cabo a misa solemne pola Virxe dos Remedios

Romería de Augas Santas en Pantón

No campo da Ermida de Augas Santas terá lugar este domingo a romaría que se vén celebrando cada segundo domingo de setembro en Pantón. Ás 13:00 horas dará comezo a misa solemne seguida de procesión. Despois a charanga Entre Nós amenizará a sesión vermú antes das comidas campestres. Por outra parte, unha feira de mostras de alfarería estará aberta durante todo o día coa música da charanga Rexional de fondo. E xa pola noite, toca festa e verbena para os veciños de Augas Santas. Serán as orquestras Charleston Big Band e Jerusalén quen lle poñan o tono musical ao fin da romería do domingo.